Ourense en Común recorre á fiscalía o caso dos MUPIs dixitais
9 Maio, 2018
0
• A autorización municipal para a instalación das pantallas, podería vulnerar o artigo 385.1 do Código Penal, por supoñer un grave risco para a seguridade do tráfico.
• O grupo pide á fiscalía que estime a posibilidade de apagar as pantallas como medida cautelar namentres se investiga a causa.
• Informes da Policía Local advirten do perigo na seguridade vial e do incumprimento da “Ordenanza Municipal reguladora da publicidade exterior mediante carteis, carteleiras ou valos publicitarios”.

    Ourense en Común presentaba esta semana ante a fiscalía unha denuncia polas irregularidades na instalación, en diferentes puntos da cidade, de pantallas dixitais, coas que o Concello podería estar incorrendo nun presunto incumprimento do artigo 385.1 do Código Penal, poñendo en risco a seguridade vial.

    O grupo apela á fiscalía a investigar o “grave risco de producirse un accidente e denuncia “a sucesión de acontecementos que rexiron a adxudicación, comezando pola redacción do prego, que incumpre a propia ordenanza do Concello que regula a publicidade exterior, e pasando pola modificación, en Xunta de Goberno Local, dunha das cláusulas do contrato, referida á ubicación das pantallas.

    O prego orixinal recollía que as pantallas “non obstaculizarán o tráfico rodado nin peonil. Non suporán un perigo para o tráfico nin para os viandantes. […]”, sendo posteriormente modificadas estas condicións polo equipo de goberno, aludindo ao que fixen os diferentes “informes técnicos e autorizacións sectoriais que resulten precisas para a súa instalación […]”.

    A este respecto, o informe da Xefatura do Corpo Policial realizado o 21 de febreiro, recolle que a ubicación das pantallas non é favorable, por estar orientadas ao tráfico, sendo susceptibles de xenerar distracións, confusións coas cores dos semáforos, obstaculizar da visión, e provocar atropelos, o que podería derivar nun posible delito contra a seguridade vial, estipulado no artigo 385.1 do Código Penal.