Ourense en Común reflexiona ao redor da confluencia de cara ás municipais 2019
22 Abril, 2017
0
•    A candidatura e programa configuraránse desde a pluralidade e o entendemento participado de forzas e veciñanza.
•    O grupo afronta o futuro desde o reto de consolidarse como alternativa de goberno e recuperar a cidade para a xente.
•    Rocío Fraga, concelleira no goberno da Marea Atlántica, compartiu perspectivas de futuro no encontro deste sábado en Ourense.

    O Espazo en Común acolleu este sábado unha xornada de debate ao redor do proceso de confluencia municipalista.

    Este faladoiro supón un paso adiante na consolidación da candidatura de Ourense en común como espazo de encontro e participación política cara ás eleccións municipais de 2019, e cun reto concreto: consolidarse como alternativa de goberno ao Partido Popular e poder trasladar políticas transformadoras ao Concello de Ourense ao xeito das que se están a desenvolver actualmente en concellos como o da Coruña ou o de Compostela.

    A Concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña, Rocío Fraga, acudiu á xornada en calidade de convidada e compartiu coas integrantes de Ourense en Común análises e perspectivas de futuro para os procesos municipalistas.

    Fiel ao seu compromiso de constituirse permanentemente como un espazo de participación, Ourense en común debatiu abertamente ao redor da posibilidade de fortalecerse a través dun novo proceso de confluencia política no que programa e candidaturas sexan as ferramentas necesarias para transformar a cidade.

    O Grupo de Apertura de Ourense en Común adopta agora a encomenda de elaborar unha folla de ruta que será debatida e aprobada en asemblea e servirá para guiar os pasos para dar continuidade e abrir este novo camiño.