Ourense en Común solicita a anulación da modificación de persoal artellada por PP, DO e PSOE
17 Novembro, 2017
0
• A normativa determina que esta modificación debe ir vencellada á aprobación duns orzamentos e ter reflexo na Relación de Postos de traballo do Concello.
• O grupo denuncia o “exercicio de enxeñería xurídica e contable” de PP, DO e PSOE para dotarse de máis asesores e auxiliares políticos para a campaña 2019, namentres a cidade segue sen orzamentos.

    Dentro do prazo de 15 días hábiles establecido para presentar reclamacións logo do anuncio do acordo no BOP do 26 de outubro, Ourense en Común rexistraba esta mañá un escrito dirixido ao Servizo de Persoal e Recursos Humanos do Concello, con diferentes alegacións que anularían o acordo do Partido Popular, Democracia Ourensana e o Partido Socialista para incrementar o cadro de persoal eventual.

    O grupo valora como unhavergoña” que os tres grupos maioritarios “pensen só no seu propio persoal namentres a cidade está paralizada, sen PXOM, sen orzamentos, coas taxas de desemprego que temos, coa falta de servizos, coa cantidade de concesións que hai en precario ou pechadas…” e entende que esta modificación “non é a urxencia dunha cidade que vive nunha progresiva ruína pola incapacidade da peor alcaldía da historia de Ourense”.

    Nas alegacións, Ourense en Común expón a “dubidosa interpretación da normativaque fan nos seus respectivos informes o Asesor Xurídico, que “contempla incluso valoracións persoais” e o Xefe de RRHH, Francisco Javier Rodríguez Nóvoa, sobre cuxo nomeamento pesa unha sentenza xudicial de nulidade con indicios claros de que o “cargo foi fabricado á súa medida polo Partido Popular, e que neste caso “obvia a necesidade de que esta modificación teña reflexo na plantilla de postos de traballo municipal, aínda pendente”.

    O grupo denuncia que en ambos informes se fai unha “lectura moi subxectivado artigo 104 da Lei de Bases de Réxime Local, que marca que “el número, características y retribuciones del personal eventual será determinado por el Pleno de cada Corporación, al comienzo de su mandato. Estas determinaciones sólo podrán modificarse con motivo de la aprobación de los presupuestos anuales” [sic].

    Desde que a cuestión de aumentar o persoal de confianza se empezara a tratar no mes de marzo, logo da petición de DO en xaneiro, Ourense en Común mantívose firme “en defensa da racionalidade, a equidade e a proporcionalidade no gasto de diñeiro público, e entende que “esta reforma debe vencellarse á aprobación dos orzamentos, e ser proporcional e equitativa con respecto á representación que a cada grupo lle corresponde democráticamente”.