Ourense en Común solicita que o PXOM se tramite con todos os grupos
28 Novembro, 2017
0
• As dúas reunións a porta pechada entre PP e DO sobre o documento, evidencian que “as dereitas teñen o seu propio plan ao marxe da transparencia”.
• O grupo considera un “disparate” que o PP fale de “negociación” para referirse ao futuro desenvolvemento da cidade, “unha cuestión de interese público”.
• O edil de urbanismo, que xa o fóra con Manuel Cabezas, está repetindo as graves irregularidades que acabaron coa anulación do Plan de 2003.
• Cudeiro introduciu máis de 100 modificacións no documento para favorecer os intereses de promotores inmobiliarios, e construtores “con nomes e apelidos”.

    Ourense en Común solicitaba hoxe formalmente ao edil responsable de urbanismo, José Jesús Cudeiro Mazaira, que “reúna a todos os grupos” para abordar a recta final do PXOM e “asuma que os pelotazos que el mesmo introduciu no plan, son os que fan imposible o consenso”.

    O grupo entende que as reunións que o Partido Popular está mantendo a porta pechada” con Democracia Ourensana,  evidencian “intereses ocultos nun plan das dereitas da cidade”, deixando a un lado a transparencia e o interese público do futuro desenvolvemento urbanístico de Ourense, que “de ningunha maneira ten que tratarse como unha negociación”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro de OUeC recalca que o documento que está poñendo o Partido Popular sobre a mesa “non é o que se espuxo ao público, e conclúe que Cudeiro, que tamén era responsable de urbanismo co goberno de Manuel Cabezas, “está repetindo agora o mesmo ciclo de irregularidades que xa fixera co Plan do 2003”, e que provocaron que o plan fose anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia primeiro, e polo Supremo de forma concluínte.