Ourense en Común solicita unha declaración institucional do Concello en defensa da CRTVG
30 Maio, 2018
0
• A dirección do ente público prevé suprimir a partir de setembro a información local na Radio Galega.
• Os contidos serán centralizados en Compostela, sendo susceptibles de manipularse co único fin de favorecer ao PP .
• A pasada semana a Deputación rexeitaba por unanimidade o desmantelamento dos informativos locais.

    Ourense en Común solicitaba esta mañá, a través do rexistro municipal, a convocatoria dunha Xunta de Voceiros, co fin de consensuar entre os catro grupos con representación no Concello, unha declaración institucional “que inste á dirección da CRTVG a reconsiderar a súa decisión de eliminar as desconexións locais da Radio Galega e afondar no deber de atender a demanda informativa da veciñanza de Ourense”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo,  lembra que a razón de ser” da CRTVG é a de dar un “servizo público, impulsar a participación e dar voz á pluralidade”, e denuncia que a supresión dos informativos locais “é un golpe ás asociacións veciñais, e colectivos, aos que se lles quita un espazo onde facerse ouvir, e  un agravio para o conxunto da cidadanía, á que se veta do dereito a ter acceso a unha información próxima e útil sobre o lugar no que viven”.

    O grupo buscará o respaldo de toda a corporación, en defensa da información de proximidade e interpreta que a decisión de desmantelar” as desconexións locais atende únicamente ao “interese do Partido Popular de controlar a información local de cara ás eleccións municipais de 2019”.