Ourense en Común solicitará no pleno a erradicación da flora invasora no Concello
26 Xullo, 2017
0
•    O grupo pide un plan para a eliminación de mimosas e árbores do ceo, consideradas unha ameaza para a biodiversidade e vencelladas directamente aos lumes forestais.
•    A presencia da mimosa é masiva no val do río Loña, en Velle e naquelas zonas afectadas polos lumes nas últimas décadas.
•    O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente propón varias medidas para o control e eliminación destas especies.

    Ourense en Común rexistraba esta semana unha moción que defenderá no pleno do mes de agosto, na que solicita un plan de continxencia e erradicación no Concello de Ourense da Acacia dealbata e da Ailanthus altissima, popularmente coñecidas como mimosa e árbore do ceo, respectivamente. Ambas especies están incluídas como “flora invasora de Galicia” no Catálogo español de especies exóticas invasoras, e constitúen unha das principais causas de perda de biodiversidade, degradando a cuberta vexetal natural, “que precave dos lumes”.

    O grupo incide na súa reivindicación sobre a necesidade de políticas de prevención e protección contra os lumes forestais “un monte sen acacias é un monte con menos probabilidades de lume, aclaran.

    O grupo expón na moción os graves prexuízos que estas variedades supoñen para a economía, especialmente na produción agrícola, gandeira e forestal, e para a saúde pública, lembrando ademais o Convenio de Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica, ratificado por España no 1993, que recoñecía a existencia deste problema e establecía un compromiso para o control e erradicación desta ameaza para o ecosistema e o hábitat.

    OueC advirte do “grande problema que temos no termo municipal de Ourense coa mimosa”, que “pode observarse practicamente en calquera punto”, sendo masiva no val do río Loña, en Velle e en diferentes zonas afectadas nas últimas décadas por lumes forestais. No caso da Ailanthus altissima, coñecida como árbore do ceo, a súa presenza en Ourense é menor, polo que, “facendo un recoñecemento dos puntos onde está situada, podería erradicarse facilmente”, indican.

    A mimosa, orixinaria de Tasmania e do sueste de Australia, e a árbore do ceo, de orixe chinesa, foron introducidas en España con fines ornamentais e atópanse actualmente naturalizadas invadindo o territorio. O rápido crecemento de ambas, impide a rexeneración da vexetación autóctona, provocando grandes impactos negativos no hábitat, as especies, os recursos económicos asociados  ao noso Patrimonio Natural e mesmo sobre a saúde humana.

    Para a súa eliminación e control, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente propón manter en bo estado a cuberta vexetal natural, axudando a loitar activamente contra os lumes forestais dunha forma preventiva, non empregar especies da familia en xardinería ornamental e a erradicación mecánica ou manual, compromisos que Ourense en Común trasladará ao goberno municipal con esta moción. “Existe a convicción do carácter nocivo destas especies e o coñecemento para implementar a súa erradicación. Trátase de ter vontade para facelo”, apunta Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo.