Ourense en Común solicitará no pleno unha segunda exposición pública do PXOM
15 Marzo, 2018
0
• O Plan do Partido Popular reduce as zonas verdes, aumenta o aproveitamento lucrativo do chan e reduce as cargas aos promotores urbanísticos.
• O PXOM que se pretende aprobar non é o exposto en 2014, con modificacións “favorecendo a quen pretende facer negocio, e non cidade”.
• A Finca Deputación incrementa nun 112% o seu aproveitamento con fins de lucro con respecto ao plan exposto públicamente en 2014.

    Ourense en Común presentaba por rexistro no día de hoxe unha moción para solicitar no vindeiro pleno do mes de abril que o equipo de goberno do Partido Popular proceda a iniciar os trámites necesarios para que o PXOM sexa exposto de novo ao público antes da súa aprobación definitiva; unha petición que volve de novo ao pleno despois de que Partido Popular e Partido Socialista votaran en contra desta iniciativa no mes de outubro de 2015. Daquela díxosenos que era precipitado, agora xa non”.

    Martiño X. Vázquez explicaba esta mañá  que en 2015 o seu grupo tiña “indicios” de que o Partido Popular pretendía modificar o texto aprobado inicialmente, e conclúe que despois de analizar en detalle todo o documento, “agora temos a certeza de que é así”.

    Nunha rolda de prensa convocada esta mañá, o voceiro de Ourense en Común facía referencia a graves alteracións introducidas no Plan, “para favorecer intereses privados”. Entre outros destacaba o aumento do aproveitamento lucrativo do chan en polígonos concretos, como o 14 e o 23, propiedade do presidente da Federación Galega de Construtores, que se incrementa nun 25%, ou o caso do polígono 43, a nomeada como Finca Deputación en Mariñamansa, que aumenta nun 112% o seu aproveitamento con fins de lucro.

    Martiño denunciaba ademais a redución do 18% de zonas verdes, o aumento de case un 40% na edificación para núcleos rurais, a supresión de cargas urbanísticas a determinados promotores inmobiliarios, a regularización indiscriminada de construcións sen licenza ás que se lle permite ademais aumentar en volume e o cambio no modelo de xestión, pasando de cooperación a compensación, “deixando o desenvolvemento da cidade en mans de especuladores”.

    O grupo explica que este PXOM “ten tantas modificacións que non pode aprobarse segundo o procedemento previsto polo Partido Popular. Debe ser exposto novamente”, e culpabilizan ao concelleiro de urbanismo de “adiar a aprobación dun documento esencial para Ourense para favorecer intereses privados”.