Ourense en Común sospeita dun boicot no servizo de apoio socioeducativo
13 Abril, 2016
0

O programa paralizado incluía clases de reforzo escolar e social para nenos e nenas en risco de exclusión de 3 colexios da cidade 

A concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar parte dos acontecementos referentes ao denominado «Apoio socioeducativo en centros escolares», que a Concellería de Benestar dirixida pola edil do PP Sofía Godoy decidiu paralizar recentemente.

O programa, dirixido á prevención da marxinación infantil e xuvenil, desenvolvíase nos centros CEIP Prácticas, Irmáns Villar e Mariñamansa, e incluía clases de reforzo educativo e social para nenos e nenas aos que, por falta de recursos, as súas familias non poden prestar este apoio.

“Aínda que o contrato coa empresa prestadora remataba en marzo, desde Ourense en Común fíxose presión para que o Concello buscase formas de extender o servizo, ben cun contrato menor ou ampliando o existente ata finais do curso escolar.”

Á vista das negativas que se recibiron desde a Concellería de Benestar, na última semana de vencemento do contrato, Ourense en Común valorou a posibilidade de facer unha doazón para prorrogalo. “O 25% do salario das nosas concelleiras vai destinado a un fondo para uso social.”

En asemblea aberta, despois de reunirse cos profesionais e a empresa prestadora, Ourense en Común aprobou facer unha doazón privada para que o servizo continuase. A extensión do contrato xestionouse directamente coa empresa, sen entrar en contacto directo cos beneficiarios, e sen comunicalo a medios xa que “en nengún momento se quixo sacar rendemento político desta cuestión.”

As clases foron restablecidas con normalidade durante unha semana máis, ata que un xornalista lé a acta da asemblea na que se aprobara a doazón, e trascende á prensa que era Ourense en Común quen estaba detrás da financiación para a continuidade do servizo.

Nese momento, as clases anúlanse, e é cando o PP acusa a Ourense en Común de mentir, e defende que se están dando alternativas ás familias beneficiarias. “Ningunha das opcións propostas por Benestar teñen a calidade nin os criterios que tiñan previamente, sendo insuficientes. A realidade é que hai nenos que quedaron sen este apoio, cando é un servizo que nenos, pais, nais, profesores e incluso directores dos centros o identifican como unha necesidade.

O PP acusa aos pais de non ter aceptado a nova opción que se lles ofreceu, que reduce as clases de 4 horas a 1 única hora semanal, traslada o servizo aos centros cívicos, e diminúe a calidade dun apoio que ía máis alá do escolar. “O que non entende a Concelleira de Benestar é que aínda que son familias con poucos recursos, teñen a súa dignidade”

O servizo, actualmente paralizado por motivos descoñecidos, está totalmente na responsabilidade do equipo de goberno.

“É indignante que o goberno permita que se perda este servizo para familias con poucos recursos, pero moito máis que haxa un boicot expreso para que unha entidade privada que o queira financiar baixo unha doazón, non poda facelo.”