Ourense en Común súmase ás reivindicacións contra a “Lei de Depredación de Galicia” que promove o PP
13 Outubro, 2017
0
• O grupo apela ao alcalde de Ourense a instar ao seu partido na Xunta a “deter esta ameaza á poboación e ao patrimonio natural galego”.
• Organizacións sociais, ecoloxistas e sindicais cargan contra unha lei “que facilita ás multinacionais a depredación da nosa terra”.
• Perto de 20.000 sinaturas na plataforma change.org manifestan unha contundente oposición social á lei.

    A través dun escrito rexistrado esta mañá, Ourense en Común solicita ao alcalde de Ourense a instar ao seu partido no goberno da Xunta de Galicia a deter a proposición da nomeada Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, e rebautizada polos movementos sociais como “Lei de Depredación de Galicia”, por entender que constitúe unha norma “desreguladora” das políticas mineiras, enerxéticas e forestais en Galicia en favor de intereses privados, e supón unha “ameaza ao patrimonio natural galego e ao conxunto da poboación”.

    O grupo únese así ás reivindicacións de sindicatos, asociacións agrarias, ecoloxistas e cidadás contra unha proposta que o Partido Popular quere aprobar pola vía de urxencia o próximo martes 17 de outubro, limitando o debate parlamentario sobre a mesma e excluíndo do trámite a participación pública.

    A proposta que persigue o PP, introduce cambios transcendentais na normativa xeral dos sectores mineiro, eólico e forestal, todos eles de grande impacto no ambiental, o paisaxístico e na ordenación do territorio e establece nun “totum revolotum” sen planificación, un plantexamento “moi lonxe do modelo desexable para o desenvolvemento sustentable con criterios económicos, sociais e ambientais”.

    O grupo denuncia que esta lei “incumpre a normativa ambiental europea e da vía libre á expropiación forzosa para o acaparamento de terras, habilita canles para ocultar información pública, favorece a proliferación de eucaliptos e constituirá un expolio dos bens naturais comúns e do futuro de todas, hipotecando as garantías ambientais e os dereitos sociais das vindeiras xeracións”.

    Ourense en Común apela ao PP a “ser responsable” e executar “alternativas políticas e económicas sustentables, que garantan a preservación dos bens naturais, paisaxísticos e patrimoniais de Galicia, que xeren rendas ecolóxicas e sociais, e que impulsen iniciativas económicas locais creadoras de emprego de calidade”.