Ourense será o primeiro Concello aberto ao expolio en mans das grandes empresas
26 Outubro, 2017
0
• OUeC acusa ao alcalde de “ser o primeiro en fregarse as mans” coa “Lei de Depredación de Galicia” promovida polo seu partido na Xunta.
• A iniciativa facilita a expropiación, e permitirá que as empresas eludan controis municipais e cautelas ambientais.
• Jesús Vázquez vende agora unha cidade “doing business”, despois de rexeitar as bonificacións do IBI propostas por OUeC para fomentar as actividades económicas locais.

    Ourense en Común advirte que as medidas anunciadas esta mañá polo alcalde para a captación de investimentos empresariais, “van da man dos intereses das grandes empresas”.

    O grupo denuncia o “oportunismo” de Jesús Vázquez “poñendo ao Concello en mans da economía especulativa”, ao amparo das iniciativas do seu partido na Xunta de Galicia, que a través da Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia –nomeada Lei de Depredación de Galicia, que hoxe entraba en vigor- e do protocolo “Doing Business” coa FEGAMP, habilitou unha alfombra vermella” para que as grandes empresas se fagan “pola vía rápida” coa ordenación do territorio, seguindo un modelo “moi lonxe do desexable para o desenvolvemento sustentable con criterios económicos, sociais e ambientais”.

    Ourense en Común apela ao goberno a “ser responsable e “impulsar iniciativas económicas locais, creadoras de emprego de calidade real, que xeren rendas ecolóxicas e sociais”, e “que garantan a preservación dos bens naturais, paisaxísticos e patrimoniais de Ourense”.

    A nova lei, recentemente aprobada en exclusiva polo PP, “con urxencia e sen participación pública”, pode ter un serio risco” nas garantías ambientais e os dereitos sociais das vindeiras xeracións, xa que “vía libre á expropiación forzosa, habilita canles para ocultar información pública, e establece beneficios para que as empresas teñan un menor control urbanístico, eludindo incluso o control dos concellos”.

    Ourense en Común lamenta que “as prioridades do alcalde sexan estas, e interpretan que hai unha “clara intención de abrir Ourense aos fundos de investimento e á economía especulativa, cuxos intereses primarán por riba do ambiente, da saúde e dos dereitos da cidadanía.