Ourense en Común celebra unha xornada participativa para deliberar o seu posicionamento nos procesos electorais supramunicipais
15 Outubro, 2015
0

Ourense en Común, aceptando o seu mandato municipalista, non é alleo á importancia que ten a política en ámbitos superiores e como isto afecta ás veciñas e veciños de Ourense. É por isto que, ante a convocatoria de vindeiros procesos electorais, contribuiremos dende a colaboración con aquelas candidaturas fieis aos principios básicos de Ourense en Común de horizontalidade, transparencia e participación.

 

Asemade un proceso que OUeC poida acompañar deberá cumprir os seus principios políticos básicos: unha xustiza social que garanta a vida digna para todas as persoas, a loita pola igualdade de xénero, o impulso dunha economía próspera, xusta e sustentable, e a aposta decidida pola renovación democrática dende o compromiso ético e a xestión transparente.

 

Ourense en Común constata que, alá onde os procesos de confluencia foron comprendidos na súa esencia, convertéronse na alternativa gañadora. Isto debeuse a que foron entendidos en pé de igualdade por todas as forzas políticas que decidiron traballar por eles. É así, aparcando as siglas e os nomes e antepoñendo as ideas comúns, como un novo proceso de confluencia pode ser a casa que dea acubillo ás persoas que sintan a necesidade dun cambio nas políticas do Estado e do País.

 

Dende a humildade de saber que OUeC non é a ferramenta definitiva nin os inventores dos procesos de confluencia, contribuiremos a axudar a que a realidade dunha candidatura que englobe ao maior número de forzas cidadás e políticas, capaces de articular ese cambio, sexa posible.

 

Data e hora: Xoves 15 de outubro de 2015 ás 19.30h.
Lugar: Local Ourense en Común. As Burgas, 8
Duración do acto: De 19.30h a 21.30h.