Pedimos a dimisión de Flora Moure e do alcalde polo enchufe do xefe de recursos humanos do Concello de Ourense
4 Outubro, 2017
0
•   O equipo de goberno fóra advertido mediante un recurso de reposición ao que fixo caso omiso.
•   A sentenza deixa entrever un posible delito de prevaricación da concelleira de persoal do Partido Popular.

    A concelleira de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, manifestaba esta mañá que desde o seu grupo están contentas e satisfeitas” co fallo da sentenza contra o procedemento ilegal promovido polo Partido Popular para o nomeamento do xefe de Recursos Humanos do Concello de Ourense.

    A concelleira quixo desenmascarar “esta  política de persoal do Partido Popular de colocar a amizades polo interese político”, facendo fincapé na importancia deste “posto estratéxico, xa que será “unha parte importante nas convocatorias para provisión de outros postos de traballo no Concello”.

    Á vista da sentenza, Piñeiro declaraba que “temos que dirimir responsabilidades políticas”, referíndose en primeiro lugar á concelleira responsable de persoal, Flora Moure,  por levar a cabo un concurso ilegal e por haber indicios de que puido cometer un delito de prevaricación, como dí a sentenza; e acusando tamén ao propio alcalde, Jesús Vázquez, por “permitir este procedemento irregular e facer caso omiso ás advertencias”, lembrando o recurso de reposición que previo ao contencioso presentaran OUeC e PSOE en agosto de 2016.

    A edil de OUeC calificou de labor “máis que cuestionable e sen vergoñaa de Javier Rodríguez Nóvoa no Concello desde que tomara posesión deste cargo fabricado á súa medida” como xefe de Recursos Humanos hai pouco máis de un ano. Ledicia denuncia que Rodríguez Nóvoa sacara adiante unha oferta pública de emprego con informes en contra da intervención municipal, que estea “introducindo cambios substanciais na Relación de Postos de Traballo do Concello, negándose a levantar acta das reunións de traballo” e que incluso intentou sacar un regulamento para a provisión de postos coa pretensión de “normalizar esta política irregular do Partido Popular en materia de persoal”.

    Piñeiro concluía que o seu grupo estudiará os seguintes pasos a dar para esclarecer a grande responsabilidade política deste caso, polo que “Flora Moure e Jesús Vázquez deberan dimitir”.