Pedimos no pleno a exención de taxas para os colectivos sen ánimo de lucro polo uso do espazo público
21 Xuño, 2018
0
• O grupo denuncia a reiterada persecución ás iniciativas culturais na rúa e defende o espazo público como “ben común”, e “non como valor mercantil”.
• No Consello Municipal de Cultura, colectivos e asociacións reclaman “coordinación” entre as concellerías de cultura e comercio para “deixar de frustrar iniciativas”.
• A Concellería de Comercio consinte as terrazas ilegais ao tempo que cobra “ou directamente prohibe” a celebración de actividades veciñais nas rúas.

    Ourense en Común avanzaba esta mañá que está a traballar nunha moción que levará ao pleno municipal, co fin de eximir do pago de taxas aos colectivos sen ánimo de lucro que promoven iniciativas no espazo público da cidade.

    O grupo trasladará así á corporación as reiteradas demandas dos propios axentes culturais e sociais, que en sucesivas xuntanzas do Consello Municipal de Culturaveñen manifestando a súa disconformidade coas “políticas recadatorias que o goberno está a impor“, recibindo únicamente como resposta as evasivas da edil responsable de Cultura, Belén Iglesias, que responsabiliza do problema á Concellería de Comercio, e permanece “impasible, sen ofrecerse a mediar ou interceder para buscar unha solución”.

    Martiño X. Vázquez, voceiro do grupo, lamenta a penitencia” que vive a cultura de Ourense nas mans de Belén Iglesias, unha persoa á que considera “manifestamente incapaz” para asumir a xestión desta área. “Xa non é que teña máis ou menos sensibilidade cara ao sector cultural, é que directamente o menospreza”;  Martiño acusa á edil popular de “exterminar a vida cultural da cidade, lastrar proxectos e frustrar novas iniciativas”.

    O grupo denuncia a complicidade para a persecución cultural que se vén despregando desde a Concellería de Comercio, “restrinxindo con taxas a normal celebración de actividades nas rúas namentres os veladores seguen no caos”.

    Defenden que “as políticas públicas deberían garantir que se favorezan e incrementen as interaccións urbanas. As rúas son o espazo natural para o encontro das persoas, o lugar onde expresarse, onde celebrar, reivindicar ou crear. O uso da rúa é un dereito irrenunciable das cidadás, e por tanto non pode ser un espazo mercantil como para que dependa das competencias da Concellería de Comercio.  O dereito á cidade non é só o dereito a vivila. Tamén é o dereito a usala e apropiarse dela, sen pasar por caixa”.