Podemos e Ourense Común avanzan na consolidación da confluencia para 2019
10 Marzo, 2017
0
  • Representantes do Consello Cidadán de Podemos e o Grupo de Traballo de Apertura de Ourense en Común valoran positivamente a labor realizada de forma conxunta ata o momento e propoñen afondar e consolidar a confluencia para as eleccións municipais de 2019.
  • Podemos Ourense participará de forma activa na elaboración dos documentos marco para a candidatura e someterá finalmente a decisión de integrarse ás inscritas segundo os seus estatutos.
  • Ourense en Común proseguirá a rolda de contactos cos partidos políticos que conforman a confluencia e reunirase a vindeira semana con Esquerda Unida.

Ourense, 10 de marzo de 2017

O Espazo en Común das Burgas acollía no día de onte unha reunión entre representantes do Consello Cidadá de Podemos e o Grupo de Traballo de Apertura de Ourense en Común. O obxectivo, atendendo á folla de ruta da asemblea anual RePensar OUeC, era reforzar a confluencia coas organizacións políticas que manifestaron o seu apoio á candidatura que acadaría tres edís nas eleccións municipais en maio de 2015.

Preténdese incentivar a participación e definir de forma conxunta unha folla de ruta de cara á vindeira cita electoral de 2019” afirman Montse Malvar e Javier Octavio de Toledo integrantes do GT Apertura de Ourense en Común.

No encontro valorouse positivamente o traballo realizado ata o de agora de forma conxunta e propuxéronse accións para afondar e consolidar o espazo de confluencia para as eleccións municipais de 2019.

A participación de Podemos dentro de Ourense en Común nestes dous anos foi constante e moi gratificante, tanto na acción de oposición dentro do concello como nas diferentes accións e actividades coordinadas de forma conxunta fóra da institución, polo que actualmente non contemplamos outro escenario que non sexa a confluencia para presentarnos ás vindeiras eleccións municipais. Agora seguiremos participando tamén na elaboración dos documentos marco para a candidatura a 2019 e chegado o momento consultaremos ás nosas bases se participamos da mesma xa que só elas poden decidilo segundo os nosos estatutos” afirma Víctor Ferreiro Secretario Xeral de Podemos en Ourense.

Ourense en Común proseguirá a rolda de contactos co resto de partidos políticos que conforman a confluencia reuníndose a próxima semana con Esquerda Unida. “O noso obxectivo é tender a man de novo todos os entes políticos e sociais, buscando unha confluencia plural e forte que poida aglutinar ao maior número de sensibilidades, xerando un movemento de cambio real que sexa quen de recuperar as institucións para as persoas como xa aconteceu no ano 2015 noutras cidades do país, como Compostela e Coruña, ou do estado, como Madrid e Barcelona” afirman Montse Malvar e Javier Octavio de Toledo.