confluencia
Fórmula xurídica
10 Febreiro, 2015
0

A asemblea de Ourense en Común celebrada o luns 9 de febreiro decidiu por consenso a creación dun partido político instrumental como fórmula para a súa concorrencia aos vindeiros comicios electorais de maio de 2015. As persoas participantes debateron a fórmula xurídica coa que o noso proceso cidadán afrontará as vindeiras eleccións.

O informe xurídico elaborado polo grupo de traballo de Legal e Financiamento dá conta das tres opcións lexislativas que ofrece o ordenamento xurídico para comparecer as eleccións municipais Agrupación de electoras, Partido político e Coalición de partidos. Segundo valorou a asemblea a fórmula de agrupación de electoras semellaba a máis acaida ao espírito co que naceu a plataforma cidadá Ourense en Común, a asemblea valorou os inconvenientes, fundamentalmente, de tipo práctico. A deficiente regulación normativa deste instrumento fixo que as persoas participantes a desbotaran. A LOREG fai moi complexa a utilización desta fórmula xurídica, xa que habería que recoller, no caso de Ourense, 1.500 sinaturas en pouco tempo trala convocatoria electoral e baixo unhas condicións legais estritas, que levarían a dedicar enerxías a este cometido, enerxías que a esta altura precisamos para preparar axeitadamente o noso programa e afrontar a contenda electoral.

Outro punto que a asemblea tivo en conta para optar pola fórmula de partido político instrumental foi que como agrupación de electoras non sería posible sumar os votos doutros concellos do partido xudicial de cara a obter unha posible representación na Deputación Provincial de Ourense. A posibilidade de que Ourense en Común se presentase como unha coalición de partidos foi desbotada porque suporía desvirtuar a natureza coa que naceu Ourense en Común: non converterse nunha suma de siglas. Converter a plataforma cidadá nunha agregación de partidos preexistentes suporía traizoar o verdadeiro espírito de espazo de confluencia liderado pola cidadanía co que naceu Ourense en Común. Porén, a decisión é que a fórmula xurídica a utilizar para presentar a candidatura de Ourense en Común ás vindeiras eleccións municipais de maio debe ser a de partido político. Cabe destacar o feito de que a constitución como partido político é só mero instrumento para concorrer ao proceso electoral.

Na proposta de goberno que Ourense en Común presentará na vindeira convocatoria, esixiremos xeitos de control político que poñan o futuro grupo municipal e o Concello de Ourense ao servizo e ás ordes da cidadanía, obrigas de transparencia e rendición de contas que faciliten o labor de control sobre o grupo municipal. Establecerase unha relación de xerarquía entre Ourense en Común, que manda, e o futuro grupo municipal, que obedece. A prioridade é implementar medidas concretas de carácter institucional para impulsar dende o goberno municipal de Ourense un novo xeito de gobernar a cidade: democrático, horizontal e participativo, no que a cidadanía teña sempre a última palabra.

Escenario electoral. A partir de agora, Ourense en Común comezará a deseñar o escenario electoral e post-electoral dende unha perspectiva que corresponda á natureza orixinal coa que naceu. Ourense en común configúrase dende o seu lanzamento público, coa publicación do manifesto Ourense en común como un chamado á organización dun ben común: a cidade de Ourense. Un proceso cidadán para a construción dun espazo político de confluencia que vaia máis alá de siglas e de nomes propios, dende a diferenza pero con xenerosidade, unha iniciativa de individuos, de cidadáns que se queren liberar da vella política e apostar por unha democracia real e participativa baseada no protagonismo da xente.

O obxectivo deste proceso é a procura dun novo xeito de gobernar e organizar a vida en común en Ourense: honesto e transparente, construído pola cidadanía, ao servizo da cidadanía e baixo o control da cidadanía. É o comezo dun ciclo de democracia participativa, sen peaxes e con capacidade para ilusionar á maioría social.