A Cidade que Queremos

acidadequequeremosAmamos Ourense. Queremos, coma ti, un futuro mellor para a súa xente. Defendemos o concello como comunidade que traballa unida para velar polo ben común: persoas, cidadanía, veciñanza. Iso é o que somos. É tempo de poñernos en marcha.

Porque somos CIDADANÍA queremos un goberno que funcione. Precisamos poñer algo de sentido común na política, e administrar o público como administramos o doméstico: de xeito eficiente, sen gastar o que non temos e planificando ben os investimentos. Establecendo prioridades e tendo claro que o interese xeral sempre estará por riba do particular.

Porque non cremos que unha opinión valga máis ca outra, queremos recoller todas. A cidadanía temos dereito a saber que pasa no noso Concello e facer que a nosa voz se escoite. Contar con información para tomar decisións sobre o que importa. Ter ferramentas e espazos para participar na deteccións de problemas e na procura de solucións. Con consultas, orzamentos verdadeiramente participativos, garantindo que o cargo público que non cumpra poida ser destituído. E transparencia, ante todo transparencia.

Porque somos PERSOAS queremos vida digna para Ourense. A nosa primeira acción será garantir que no noso concello a ninguén lle falte teito, alimento, auga potable ou enerxía. Que haxa emprego estable e de calidade, impulsando a súa creación naquelas actividades verdadeiramente beneficiosas para o social: a sanidade, os coidados, a educación, a conservación do medio, a cultura. Que o acceso a estes servizos non sexa nunca máis moeda de cambio, senón un dereito básico.

Queremos para este concello o que nós vivimos traballando en Ourense en Común: apoio mutuo, corresponsabilidade e igualdade de oportunidades; unha comunidade de iguais onde a diferenza e a diversidade sexan valor engadido. Diálogo, respecto, convivencia.

Porque somos VECIÑANZA queremos que o noso territorio sexa a chave do desenvolvemento. Facer un mellor aproveitamento dos nosos recursos: a riqueza do medio natural e o talento das persoas como fonte de oportunidades. Fomentar a colaboración e o entendemento entre o público e o privado. Comprometernos coas pemes, os autónomos, o comercio local.

Queremos transformar Ourense nunha cidade dos coidados. Das persoas, do patrimonio e do medio ambiente. Con espazos naturais protexidos e ríos limpos que sexan o noso legado para o futuro. Con barrios equilibrados nos que movernos e relacionarnos nas mellores condicións posibles. Cunha cultura de base que saia a rúa, e que nos axude a ser un pouco máis felices cada día. Queremos un Ourense do bo vivir.

A transformación xa comezou. Agora toca mirar para adiante. Se se quere, pódese.

Esa é a forza da xente.

 > Volver o programa participativo