Ben Común

EDUCACIÓN

Para todas as persoas ao longo de toda a vida.

Somos 99% educación. Vivimos coñecendo, aprendendo, reflexionando; a educación é a base do noso desenvolvemento pleno como persoas e só a través dela se pode garantir a transición cara unha sociedade xusta e igualitaria autogobernada por unha cidadanía máis libre e crítica.

Para OueC a educación non pode quedar restrinxida a un departamento ou un tramo de idade. Comprometémonos coa aprendizaxe permanente, para todas as persoas e ao longo de toda a vida; construíndo xuntas a “cidade educadora” que é capaz de ensinar e tamén de aprender.

O concello como recurso educativo no que se involucra á cidadanía, conectándoo cos centros de ensino e sacando as aulas á rúa, coordinando e ampliando as actividades, compartindo recursos e enriquecendo os plans de estudo alí onde o currículo oficial non chega.

A cidade educadora non pode deixar a ninguén atrás: defendemos e esiximos ante a administración competente a calidade do ensino público gratuíto. Educación pública e universal, gratuíta e de calidade, laica, inclusiva e en galego.

Propostas Educación

CULTURA

Cidadanía creadora.

Son os valores e ideas que compartimos como parte dunha comunidade, a expresión do que Ourense significa para nós. A historia, o patrimonio, a creatividade, a nosa capacidade para comunicarnos.

É o espello no que se reflicte a alma do concello, o armazón que o mantén unido e cohesiona, a chispa que nos estimula para seguir crecendo e mellorando. Para avanzar na sociedade que queremos ser.

Por iso OueC defende o acceso a cultura como dereito fundamental. Practicamos a democracia cultural, aquela que fai posible que a cidadanía pase de simple espectadora á creadora. É preciso recuperar a memoria e o patrimonio e poñelo á disposición das persoas, fuxir da programación tutelada, rachar coas barreiras absurdas entre alta cultura e cultura popular e, sobre todo, apoiar o xenio creador que existe en Ourense. Porque as industrias creativas tamén son motor de desenvolvemento económico.

O recordo da Atenas de Galicia lémbranos o noso gran potencial como concello de cultura, e a responsabilidade que supón a súa xestión.

Propostas Cultura

LINGUA

De nos para o mundo.

A lingua galega é parte fundamental e celme da nosa cultura. Como ferramenta de comunicación, é un ben común clave para a cohesión social e depositaria dun legado cultural propio. Mais os estudos alertan: a ruptura xeracional na transmisión do idioma e os baixos niveis de uso entre a mocidade supoñen unha grave ameaza para a nosa lingua.

O potencial transformador dos concellos na defensa do galego é inmenso, dada a relación directa que manteñen coa cidadanía. É necesario renovar o compromiso político e cidadán e facelo máis ambicioso: a normalización ten que acadar o prestixio para o galego e o seu protagonismo no eido socioeconómico. Faise necesario que esta área municipal de lingua supere o seu papel de simple asesor e comece a traballar de xeito transversal e efectivo, dotándose de recursos para ser un auténtico instrumento de dinamización social.

OueC asume os principios recollidos na Lei Paz Andrade para o achegamento á lingua e cultura portuguesas. Comprométese ao seu desenvolvemento, para mudar o paradigma sociopolítico galego, en relación co status da lingua, incidindo no seu carácter internacional e a súa pertenza ao ámbito da lusofonía.

Propostas Lingua

 > Volver o programa participativo