Desenvolvemento Sostible

ACTIVIDADE ECONÓMICA

Unha economía do bo vivir.

Garantir a vida digna das persoas esixe que os concellos activen o territorio e poñan a funcionar as capacidades produtivas propias. A clave está na resilencia. Só aproveitando os recursos que xa temos e protexendo o medio pode unha poboación resistir os ataques externos.

O desenvolvemento que queremos para Ourense terá que ter un pé na terra e outro nas persoas. A cidade que foi eixo de comunicacións dunha potente economía rural non hai tanto, aínda pode recuperar a produción agroalimentaria e reconciliarse coa provincia. Patrimonio, cultura, termalismo e saúde poden ser aliados para consolidar un turismo de calidade. E a recuperación do téxtil ou o desenvolvemento do sector forestal supoñen aproveitar uns recursos e potencialidades até o momento abandonados.

Para avanzar é necesario que a Administración promova un cambio de cultura empresarial que prime a innovación, e no que se favoreza a cooperación fronte a competencia: entre empresas, entre o público e o privado e cos centros de formación e investigación. Fomento da economía e o comercio local, e apoio aos seus sustentadores: pemes e autónomos.

Propostas Actividade Económica

SOBERANÍA ALIMENTARIA

Somos o que comemos.

As políticas alimentarias apenas tiveron oco nos programas electorais. Sorprende que nunca se levase ao debate público o que comemos cada día. O control sobre a produción e consumo de alimentos non só é garantía de saúde: ten consecuencias no medio e na economía.

Cunha gran superficie de chan municipal aínda verde e rural, Ourense é un concello privilexiado para construír a súa soberanía alimentaria. Aínda existe cultura do alimento de proximidade, e prácticas comerciais, coma o rianxo, que son parte indiscutible do noso patrimonio inmaterial.

Incentivar a produción local e promover redes curtas de distribución fronte ao consumo masivo de importacións non só é coherente con este legado, senón que fortalece a economía local, crea emprego e conserva a paisaxe e a biodiversidade.

Mudar hábitos para mudar a realidade. En OueC demandamos para Ourense un sistema propio de produción e consumo agroecolóxico e de proximidade, libre de transxénicos e rico en oportunidades para o noso perímetro rural.

Propostas Soberanía Alimentaria

XESTIÓN DE RESIDUOS

Reducir, descentralizar, compostar.

A xestión do lixo é unha das competencias ambientais de maior impacto nun Concello e máis susceptible de xestión directa. Non obstante, á área continúa a estar en mans privadas, pagar e esquecer o problema. Ata que se converte en algo insostible. O modelo imperante de SOGAMA, no que se sacrificou o aproveitamento de residuos a prol dunha incineradora supostamente encamiñada á recuperación enerxética, amosou non dar solucións. Medra o impacto ambiental como medra cada ano o canon a uns concellos que renunciaron ao control dos seus residuos.

É posible recobrar progresivamente as competencias na xestión do lixo comezando polas estratexias de recollida: sistema de retorno de envases e recollida selectiva en orixe. A recuperación da planta de compostaxe municipal pode dar solución ao lixo orgánico, o que máis pesa na nosa bolsa. E hai que actuar na orixe do problema, concienciando na redución de residuos e a reutilización. Comprometernos co obxectivo “residuos cero”.

Propostas Xestión de Residuos

AUGA

Sen auga non hai vida.

Desde a Nova Cultura da Auga, entendemos este recurso como ben finito indispensable para a vida que precisa ser xestionado con eficiencia e solidariedade. Garantir o acceso universal á auga como dereito básico humano obríganos a posicionarnos fronte a mercantilización da que vén sendo obxecto nos últimos anos, con incremento nas tarifas, falta de responsabilidade no impacto ambiental, escandalosas marxes de beneficios e mesmo cortes na subministración.

Ao igual que outros servizos municipais básicos, OueC apela á remunicipalización da auga como garante de xestión responsable. Mentres non sexa posible, o Concello deberá protexer a titularidade pública do recurso, exercer unha vixilancia estrita e transparente da concesionaria e poñer o foco na demanda, garantindo unha dotación mínima e de calidade por persoa.

Coa construción da nova depuradora xa en marcha, velaremos por unha correcta execución con impacto ambiental mínimo. O noso compromiso coa auga o é tamén cos seus ecosistemas; en Ourense o dos ríos, auténticas arterias do territorio.

Propostas Auga

ENERXÍA

Pública, limpa e renovable.

O modelo enerxético actual xa non dá máis de si. Facturacións descontroladas e casos graves de pobreza enerxética en amplas capas da poboación, prácticas escuras na produción e distribución de enerxías e un impacto ambiental que medra a cada momento. No fondo, a desacougante sensación de saber que estamos a gastar algo que se acaba. Toca renovarse.

Considerando que a enerxía é un ben público e desde o compromiso cunha xestión responsable, OueC defende a intervención da Administración no mercado enerxético, establecendo medidas fiscais, elixindo provedores limpos e de proximidade e apostando sen ambaxes polas renovables. Fixámonos como obxectivo a redución progresiva do consumo enerxético municipal. Agora cada xesto conta.

Propostas Enerxía

ESPAZOS VERDES

Garantía dun futuro mellor.

No camiño da sustentabilidade, o único capaz de garantir o benestar das xeracións futuras, os concellos afrontan o reto de acadar un equilibrio real entre a pegada da acción humana e a presenza da natureza no territorio.

Urxe protexer, regulamento en man, os espazos naturais que aínda conservamos (bosques, ribeiras fluviais…) do urbanismo descontrolado. Ou mudar o concepto de zonas verdes urbanas, revalorizándoas como espazos de encontro social e co medio que fomenten modelos de ocio saudable. Ou mesmo recuperar para a cidadanía lugares que non se souberon incorporaron ao tecido urbano, coma son os camiños abandonados ou grandes áreas do anel rururbán.

Pero a estratexia non pode pasar só por actuar no territorio, cómpre avanzar tamén na transformación social. En OueC cremos na Educación Ambiental Permanente como poderosa ferramenta de cambio. Hai que educar no uso responsable dos recursos pero tamén no coñecemento da paisaxe e, sobre todo, no respecto aos seres vivos, condenando calquera clase de maltrato animal e preservando a biodiversidade.

Propostas Espazos Verdes

 > Volver o programa participativo