Igualdade

IGUALDADE DE XÉNERO

Falar en feminino.

O dereito á igualdade é unha condición previa fundamental da democracia. OueC asumiu a igualdade de xénero como elemento central da súa identidade e así o traslada ao Concello de Ourense. Porque séculos de loita social das mulleres non caeron en saco roto, pero continúa a darse unha violencia estrutural dunha metade da poboación contra a outra. Unha violencia que ignora, invisibiliza, silencia, coacciona e mata. 54 cidadás asasinadas en España en 2014.

A perspectiva de xénero ten que ser un eixo central das políticas públicas municipais, incorporándose ao urbanismo, ao deseño orzamentario, á organización laboral, aos procesos de toma de decisións, etc. Cómpre transformar a sociedade dos homes na sociedade das persoas e comezar a empoderarnos, todas e todos, como cidadás de pleno dereito. Comprometernos coas necesidades de coidado ao longo da vida e as capacidades reprodutivas para avanzar na emancipación real. E coa erradicación do machismo en todas as súas expresións. Tamén na linguaxe, xa que as palabras axudan a construír a realidade que desexamos.

Propostas Igualdade de xénero

DIVERSIDADE

Encontro e convivencia.

Unha democracia plural é unha democracia vital e plena. A sociedade non é homoxénea, por moito que insistan en facérnolo crer. É responsabilidade das administracións asumir a diversidade que, de feito existe, e incorporala ao deseño das súas políticas, ou do contrario só estará a reproducir e fomentar desigualdades.

En OueC cremos que o Concello de Ourense, como cidade e como Administración, é o que debe adaptarse ás necesidades das persoas, e non a inversa. Cidadanía plena teñen todos os grupos: o colectivo LGBTI, as persoas con diversidade funcional, a infancia, a mocidade, a xente maior, as persoas migrantes, as que viron de fóra pero tamén as que marcharon. Cada un ten necesidades específicas, e a Corporación Local ten que traballar para satisfacelas.

Ourense pode ser moitos concellos nun; un verdadeiro espazo de encontro para a interculturalidade e a convivencia na diversidade. Defendemos unha cidade de dereitos humanos, respectuoso coas identidades e que abraza as diferenzas.

Propostas Diversidade

 > Volver o programa participativo