Participación e Transparencia

participacioetransparencia

PARTICIPACIÓN

Directa, progresiva e permanente.

Cada día as persoas tomamos decisións das que depende a nosa vida: no persoal, no social, no laboral… En que momento se nos fixo crer que non podiamos elixir tamén no político? A democracia non é o voto illado cada catro anos, senón o reto de poñernos de acordo no que verdadeiramente importa.

Para OueC a participación é poder. Somos persoas decidindo sobre asuntos que nos afectan directamente. Estamos convencidas de que só involucrando á cidadanía na política municipal e favorecendo a co-xestión conseguiremos que algo mude. Non é un camiño fácil, pero si o único, e para transitalo xuntos faremos da Participación Cidadá o eixo da política local cunha folla de ruta ben definida: aprendizaxe, espazos para o diálogo, ferramentas de decisión, garantía de acceso a información.

Sabemos do que falamos. OueC é froito directo da participación real de persoas libres e comprometidas.

Propostas Participación

TRANSPARENCIA

As contas claras.

Lamentablemente aínda non estamos inmunizadas contra a corrupción, ao seu carón van as promesas incumpridas, os investimentos absurdos, derramar os recursos, a mala xestión.

Os concellos, como a administración máis próxima á cidadanía, teñen as ferramentas para garantir o acceso das persoas á información completa sobre a súa actividade. Só se precisa dun compromiso firme e rotundo que as poña a funcionar. Xogámonos a confianza da cidadanía e o cumprimento dos fins de servizo público. A gobernanza local non só debe ser legal, tamén ten que ser ética.

OueC aposta pola transparencia na administración e máis en todos os órganos autónomos nos que esta participe. Publicación e comunicación das contas, débedas, contratos e adxudicacións, pero tamén das axendas, dos acordos, os procedementos e os criterios de valoración… Unha comunicación real, asegurando que a información sexa veraz, exacta, accesible, manexable, gratuíta e actualizada.

Unha cidadanía vixiante é o mellor aval de democracia.

Propostas Transparencia

 > Volver o programa participativo