Presentación

presentacionVai xa un ano que naceu a plataforma cidadá Ourense en Común (OueC); un proceso xurdido dos colectivos e asociacións locais, movementos sociais e axentes individuais que xa traballaban por mellorar a calidade de vida na nosa cidade e mudar as políticas municipais. Xente reivindicando unha institución que puxera de verdade os seus recursos ao servizo do ben común.

Non nos resignamos a un goberno local paralizado, incapaz de atender as necesidades da poboación. Preocúpanos o porvir dun concello sempre baixo o xugo do paro, no que a mocidade vese obrigada a marchar fóra por falta de oportunidades. Fainos dano asistir impotentes ao empobrecemento da nosa veciñanza, a crecente desigualdade. E se de algo nos serviu a crise foi para acabar de indignarnos. Por iso cremos que era o momento de dar un paso adiante e comezar a traballar pola transformación desde dentro.

OueC non é un partido político ao uso. É un espazo de encontro da cidadanía aberto á participación de todas as persoas que queren colaborar na construción dun Ourense mellor. Calquera que o desexe pode participar nas asembleas cidadás, nos encontros polo común ou nos grupos de traballo. Ademais, desde que botamos a andar atendemos ao principio de transparencia: todos os nosos actos, asembleas e documentos son públicos.

Non representamos á cidadanía. Somos cidadanía. Xente que se preocupa polo presente e o futuro da comunidade. Un conxunto de persoas diferentes, cada unha coas súas ideas, as súas penas, as súas alegrías e anhelos, pero que compartimos a certeza de que só mediante a cooperación e o apoio mutuo podemos mudar a realidade. Se nós non actuamos, ninguén o vai facer por nós.

O programa que vos presentamos é un proxecto de cidade. Elaborado como todo o que estamos a facer, de maneira participativa. Durante os últimos meses promovemos uns encontros nos diferentes barrios da cidade para recoller as demandas e propostas da veciñanza de Ourense, que son as que máis e mellor coñecen o que precisa a nosa cidade. Despois emprendemos a fase de redacción, con xuntanzas en mesas sectoriais con persoas con experiencia e coñecementos técnicos en cada unha das áreas traballadas.

O proposta froito deste traballo colaborativo é un novo modelo de Concello e de cidade. Pero non é un proxecto pechado. O que se propón é unha ferramenta a partir da cal a construción do Ourense que queremos sexa cousa de toda a cidadanía, un proceso vivo, permanente e sustentable no tempo.

Facemos aquí un chamamento ás veciñas e veciños a participar neste movemento de cambio. Queremos gañar Ourense cambiando a forma de entender e facer política. É hora de facerlle fronte á ineficacia, ao desgoberno e á corrupción. Recuperemos a vida social, económica, laboral, cultural e política da cidade. Recuperemos Ourense.

Por un concello das persoas. Participa!