Saúde Pública

BENESTAR SOCIAL

Dereito a unha vida digna.
En OueC non aceptamos o desmantelamento do Estado de Benestar. Os concellos teñen a obriga de mobilizar recursos e persoal abondo para poñer freo á exclusión social. Non é unha realidade distante: segundo datos da EAPN-Galicia, das sete cidades galegas, Ourense é a máis castigada pola pobreza, que toca a máis dun 20% da súa poboación. Estamos ante unha negación dos dereitos básicos das persoas.

Defendemos uns Servizos Sociais municipais fortes, capaces de actuar con rapidez ante a exclusión e a pobreza. Uns servizos 100% públicos que superen o asistencialismo e traballen con ambición por unha promoción social garante da igualdade de oportunidades. Hai que dar atención prioritaria ás situación máis graves, pero entendendo que o traballo pola vida digna só é posible desde a intervención comunitaria integral e coordinada entre departamentos. Defendemos así programas de educación de rúa orientados á prevención, estratexias de acompañamento persoal e unha planificación das políticas sociais participada con presenza do Terceiro Sector. Non valen esmolas nin boas intencións, queremos dereitos sociais para todas.

Propostas Benestar Social

SAÚDE

Nunca máis un luxo.
A saúde das persoas non pode ser un luxo, é un ben compartido e un dereito básico. O traballo a prol da saúde debe ser entendido de xeito amplo, non só como atención sanitaria senón tamén como control sobre todos os determinantes de saúde colectiva, que son múltiples e complexos: de tipo social, económico, ambiental, laboral, etc. E é aquí onde os concellos poden marcar a diferenza, situando a defensa dunha vida saudable para a comunidade no centro das políticas de calquera área. Toda estratexia en saúde municipal debe ser integral, intersectorial e a longo prazo.

Ademais de traballar para a prevención e fomento da vida saudable a través da educación, en OueC cremos que é posible ir mais alá e facer que a Administración actúe como axente nivelador para acabar coas desigualdades en saúde. Podemos, ademais, sumarnos como mediadores na defensa rotunda dunha asistencia sanitaria gratuíta, universal e de calidade. É preciso un compromiso público que rache co discurso que quere facer da saúde pura mercadoría.

Propostas Saúde

DEPORTE

Algo máis que fútbol.
Entendamos que o deporte é máis que fútbol ou baloncesto. Para OueC é ante todo unha actividade física desenvolvida baixo calquera estrutura e en calquera ámbito social: ten unha compoñente de mellora física, psíquica, e mesmo de desenvolvemento das relacións sociais. Vista así, a práctica deportiva ten un valor estratéxico para a saúde e o benestar dunha comunidade, e así é como debe promoverse.

Este cambio na definición permítenos presentar un proposta de medidas que sexan algo máis ca un catálogo de novos equipamentos deportivos. Cremos que un compromiso co deporte pasa por levalo, de verdade, á rúa e aos parques, dotando ás zonas verdes de recursos básicos que permitan a libre actividade física; ou colaborar cos centros de ensino para o uso das súas instalacións exteriores fóra do horario lectivo. Apostamos ademais por unha maior coordinación e apoio coas actividades deportivas escolares como recurso educativo clave.

Propostas Deporte

 > Volver o programa participativo