Territorio

URBANISMO

Cidade intelixente, cidade con alma.

En pleno 2015, a terceira cidade de Galicia confía a súa planificación urbanística, que é tamén a súa planificación de futuro, a un documento de 1986. Ao longo de 30 anos unha Corporación tras outra amosáronse incapaces de acadar o consenso cidadán ao redor dun proxecto que viñese resolver os problemas de especulación, urbanismo descontrolado e inseguridade xurídica que Ourense vén arrastrando.

É prioritario conseguir un PXOM para Ourense que defina dunha vez por todas as liñas e usos da cidade do futuro. Pero este novo plano terá que ter moi presente que Ourense non é só un espazo urbano: existe todo un cinto verde na contorna que lonxe de ser unha barreira é unha oportunidade de desenvolvemento, no físico pero tamén no económico.

Apostamos entón por un Ourense rururbán e compacto, deseñado por e para as persoas: un plano lexitimado que sexa rebelde coas imposicións técnicas e que ofreza solución ás demandas reais da poboación. Un proxecto que camiñe cara un Ourense máis coherente, amable e respectuoso co medio no que vivir ben. Trátase de facer urbanismo co cerebro e tamén co corazón..

Propostas Urbanismo

MOBILIDADE

Andar a cidade pensando na infancia.

Ourense é a terceira cidade do Estado español con maior taxa de tráfico rodado. Reflexionemos un intre. O noso benestar ás veces só precisa dun pouco de xenerosidade, dun cambio de hábitos. Pensemos se queremos un Ourense deseñado para os coches ou deseñado para as persoas. Nós témolo claro.

A progresiva pacificación do tráfico de vehículos é condición indispensable para facer que a rúa sexa un lugar máis saudable e seguro. Pero tamén hai que dar alternativas: Ourense precisa unha rede de transporte público eficaz, con frecuencias e itinerarios revisados que a convertan nun servizo útil de verdade, que garanta a comunicación nos barrios. Urxe ademais desbloquear dunha vez por todas a situación do transporte metropolitano a través da mancomunización dos servizos entre municipios.

Imaxinémonos unha nena camiño do colexio, na súa autonomía e na súa seguridade. Reflexionemos de novo; unha cidade a medida da infancia será sempre unha cidade adaptada a toda diversidade funcional, ás persoas dunha idade ou doutra. Escoitemos a infancia, ás veces sabe máis de convivencia.

Propostas Mobilidade

PATRIMONIO

Cun pé no pasado e outro no futuro.

En OueC sentimos o patrimonio coma aquel ben, sexa cultural, natural, material ou inmaterial, que recibimos como herdanza do noso pasado, continuamos a crear hoxe, e legaremos as xeracións do futuro. O patrimonio non pode ser propiedade de ninguén, senón responsabilidade nosa, conxunta. É unha parte irrenunciable do noso ser.

Porque é peza chave na vida e identidade das persoas, o patrimonio non pode ser tratatado como algo estático, pechado, obsoleto. Nin tampouco podemos limitar a súa conservación a unha simple protección administrativa.

Defendemos a participación pública no patrimonio como ferramenta coa que poder desenvolver todo o seu valor e facer del un recurso estratéxico para Ourense. Cómpre actuar para garantir a súa accesibilidade, conservación, estudo e, sobre todo, o seu uso público. Non só para o turismo, que tamén, senón para nós, a cidadanía, para poder seguir medrando, aprendendo e producindo riqueza. Hoxe e mañá.

Propostas Patrimonio

 > Volver o programa participativo