Apoia a Ourense en Común cunha doazón

A túa doazón é unha semente de futuro para a cidade que queres.
Pon a túa semente por un Ourense en Común.

Obxectivo
2,500.00€
0 días restantes
105.60%
2,640.00€
Acadado
56
Mecenas
Peche de achegas:
May
18
2015
  • Description
  • Comments

Temos un proxecto ilusionante para Ourense: unha nova cidade democrática, xusta, transparente e sostible. Sabemos o que queremos, o que ti queres, e o vindeiro 24 de maio temos unha oportunidade histórica para devolver o Concello de Ourense á cidadanía, e facer realidade este desexo común.

Só co teu esforzo, semente a semente, poderemos artellar unha campaña gañadora, e sen deber nada a ningunha entidade financeira que poida comprometer a nosa independencia. Todas as persoas somos quen de sementar en común o noso futuro como cidade. Achega a túa semente e axuda a agromar un novo Ourense para todas, sementamos xuntas un Ourense en Común.

Pon a túa semente por un Ourense en Común!

O obxectivo é cubrir unha parte do orzamento de campaña con estas sementes, pero abrimos tamén a opción a outro tipo de achegas: os microcréditos.

Se o prefires, tamén podes facer a túa doazón directamente na conta con IBAN ES24 3070 0043 0961 4909 0521, mediante transferencia ou directamente na oficina da Caixa Rural Galega, que en Ourense está na Avenida da Habana nº 4.

Por que facemos unha campaña de doazóns?

Para manter unha autonomía total e real respecto de todas as entidades financeiras.

Os partidos políticos sufragan os seus gastos de 3 xeitos:

  • Mediante as subvencións públicas que reciben, segundo os seus resultados electorais
  • Mediante créditos bancarios
  • Mediante fondos ordinarios do partido

As subvencións electorais só chegan pasado un ano da campaña, por iso os partidos adoitan recorrer a outros fondos de financiamento, como os créditos bancarios. En Ourense en Común queremos facer política dun xeito diferente. O noso código ético estipula claramente que renunciamos a pedir créditos bancarios que poidan coartar a independencia política da candidatura. Esta decisión lévanos a explorar outras formas de financiamento.

Para iso, pedimos a participación da cidadanía: queremos que a nosa lealdade estea coa xente e non cos bancos.

A que destinaremos os cartos?

Os principais gastos que xa estamos a afrontar son os seguintes:

Materiais
Ourense en Común tenta xerar unha ilusión polo cambio político no noso Concello, pero a nosa candidatura é nova, menos coñecida pola cidadanía que os partidos tradicionais. Para facer chegar ao máximo de persoas posibles a información de OUeC, estamos a elaborar adhesivos, panfletos, trípticos, carteis, chapas… Ademais, necesitamos material transportable como displays, frontais, ceadores, elementos para facérmonos visibles na cidade e en especial nos barrios.  Custo: 3.300 €
Impresión do programa
O proceso de elaboración do programa de OUeC está a ser colectivo e participativo. Para manter este carácter, precisamos facer unha tirada ampla do documento impreso, para que chegue á cidadanía. Custo: 1000 €
Aluguer de local
Aínda que nestes momentos non contamos cun local propio de OUeC, é imprescindible dotarnos dun espazo para levar a cabo xuntanzas, entrevistas, celebracións de actos públicos, etc. Custo: 700 €
Legal
A organización dunha candidatura electoral ten unha serie de gastos legais, burocráticos e administrativos imprescindibles: notaría, taxas, xestoría, documentación, etc. Custo: 500 €

ORZAMENTO TOTAL : 5500 EUROS

O noso obxectivo é cubrir 2500 € dese orzamento mediante doazóns (na columna da dereita tes a opción de facer a túa achega) e o resto, 3000 €, con microcréditos.

Queres saber máis sobre os microcréditos?

Cumprindo co noso compromiso coa transparencia, nesta ligazón podes consultar todas as contas da nosa campaña: http://ourenseencomun.info/as-contas-da-campana

Preguntas máis frecuentes

Quen pode facer unha doazón?

Só persoas físicas. Non aceptamos achegas de asociacións nin de empresas.

Que cantidade se pode doar?

A partir de 10 euros. Ti decides a cantidade.

Por que pedides o número de DNI?

A Lei de Financiamento de Partidos Políticos obriga a rexistrar -para evitar doazóns opacas das que non se coñeza o autor- a identificación da persoa doante. Esta normativa, feita para a transparencia das contas dos partidos, fai que pidamos o nome completo e DNI de quen fai o donativo.

Poderemos ver en que vos gastastes o diñeiro?

Si, en Ourense en Común rendemos contas dos nosos ingresos e gastos trimestralmente. Podes atopar a información actualizada na nosa web, no apartado de transparencia.

Que fago para non saír na lista de agradecementos?

Cando acabe a campaña, porémonos en contacto con todas as doantes para preguntarvos se queredes estar na lista de agradecementos.

Que fago se teño algunha dúbida?

Podes escribirnos para resolver calquera cuestión a: soporte@ourenseencomun.info

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *