O alcalde non quere escoitar ao persoal sanitario do CHUOU
1 Febreiro, 2018
0
• Na Xunta de Portavoces celebrada hoxe, o alcalde manifestaba a súa intención de convocar o pleno o próximo xoves co que dinamitaría os prazos legais para que os representantes do persoal sanitario puideran intervir na sesión.
• Sobre as excusas de limitación do regulamento Vázquez Barquero (PSdeG-PSOE) afirma que “non teñen base de ningún tipo, existen no Concello de Ourense precedentes de participación de diferentes colectivos en pleno” e Martiño Xosé Vázquez (OUeC) apuntala que “é unha cortina de fume para non escoitar o que o persoal sanitario ten que decirlle, que o Partido Popular está acabando coa Sanidade Pública“.
• PSdeG-PSOE e OUeC solicitaron a semana pasada a celebración dun pleno extraordinario para instar á Consellería de Sanidade a escoitar a voz do persoal do CHUOU e frear o desmantelamento da Sanidade Pública.

    O pasado xoves os grupos municipais de PSdeG-PSOE e Ourense en Común solicitaban por rexistro a convocatoria dun pleno extraordinario no Concello de Ourense para instar á Consellería de Sanidade a escoitar a voz do persoal do CHUOU e frear o desmantelamento da Sanidade Pública. Ambos grupos demandaban que nese pleno tivera voz o persoal sanitario, razón pola que era convocada hoxe unha Xunta de Portavoces para definir o seu formato. Toda vez rematada esta xuntanza tanto o portavoz socialista, Vázquez Barquero, como de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, coincidían en censurar a actitude do alcalde ao “non querer escoitar ao persoal sanitario do CHUOU“.

    O alcalde do Partido Popular, Jesús Vázquez, comunicaba a súa intención de convocar este pleno o próximo xoves, data que impediría que o persoal sanitario tivera o tempo suficiente para presentar a solicitude oficial para intervir na sesión, segundo contempla o Regulamento de Participación Cidadá. Así é que este marco normativo recolle no seu Artigo 5 que “quen desexe intervir na quenda, deberán solicitalo ao alcalde con cinco días de antelación á celebración da sesión do pleno correspondente”.

    Os dous portavoces da oposición observan neste movemento por parte da alcaldía unha “estratexia premeditada para cercenar un dereito democrático co único obxectivo de agochar as consecuencias do desmantelamento da sanidade pública por parte do PP“.

    Tanto PSdeG-PSOE como Ourense en Común seguirán presionando nas próximas horas para adiar a celebración dese pleno e conquerir así a participación do persoal sanitario previamente ao debate político, termo ao que se nega igualmente o rexedor, ao defender que o propio regulamento o impide, e argumento que non comparten dende a oposición; segundo Vázquez Barquero carece de sentido e non ten base de ningún tipo, facendo referencia a “precedentes de participación de diferentes colectivos en pleno” en anteriores corporacións.