Que o goberno municipal conceda “dunha vez por todas” a licenza de obra ao Museo Arqueolóxico de Ourense
27 Xuño, 2018
0
• A burocracia establecida polo goberno municipal paraliza o inicio das obras no Arqueolóxico Provincial, pechado por máis dunha década.
• Hai un ano que o alcalde se congratulaba de desbloquear as obras, pero “a realidade é que nada se avanzou”.
• Ourense en Común denuncia a mala xestión do goberno popular, que “demorou e lastrou dous anos a modificación do PERI do Casco Histórico”.

    Ourense en Común apuntaba hoxe que o próximo venres 29, cumprirase un ano exacto dende que Jesús Vázquez se congratulara de “ter desbloqueada a paralización do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense“, logo de elevar a pleno a modificación do PERI do Casco Histórico, un procedemento que, en opinión de Ourense en Común xa chegou demorado e  lastrado pola falta de capacidade de xestión do goberno popular nos anteriores dous anos“.

    O certo é que un ano despois das declaracións de Jesús Vázquez, no antigo Pazo do Bispo da Praza Maior “non se observa actividade de ningún tipo”, superando xa os 3 anos de mandato do goberno popular sen que as portas do Arqueolóxico teñan visos de abrirse. O problema reside agora na obstinación do goberno municipal en que o Ministerio de Cultura, responsable da reforma, deposite as taxas antes de iniciar os trámites de licitación. Do contrario, non se lle concederá licenza de obra.

    Toda vez que temos todo a punto para poder iniciar as obras, o goberno de Jesús Vázquez nega a licenza de obra porque o Ministerio aínda non pagou por un concepto “que pode supoñer un 0,01% do total que a administración estatal ten reservado para investir nun edificio de incalculable valor histórico. Semella un mal chiste“, apunta Martiño Xosé Vázquez, que garantiza que o propio Ministerio ten manifestado por escrito a súa intención de pechar este trámite burocrático, pero que non existe interlocución por parte do goberno municipal“.

    O voceiro de Ourense en Común explica que o Concelleiro de Urbanismo do Partido Popular “ten prioridades mellores antes de axilizar a licitación da obra do Arqueolóxico“, facendo alusión ao feito de que Jesús Cudeiro traballe a tempo completo como asesor do presidente M. Baltar na Deputación. Os seus ratos libres no Concello adícaos en exclusiva a facer modificacións no PXOM para devolverlle a xestión urbanística da cidade aos especuladores, e o Museo Arqueolóxico Provincial impórtalle ben pouco“.

    É por todo o anterior que na Xunta de Área de Urbanismo, celebrada onte martes no Concello, Martiño X. Vázquez formalizaba por escrito unha petición para que o goberno municipal coordine co Ministerio de Cultura unha solución a un “absurdo problema burocrático, para “que en verdade o alcalde Jesús Vázquez Abad poda gabarse de algo“.