Recuperamos a petición dun parque para deportes urbanos e a adhesión de Ourense como cidade acolledora
28 Outubro, 2017
0
• A “actitude incendiaria” do alcalde frustrou o discorrer do pleno de outubro e fixo que estas mocións non se debateran.
• Máis de 1.500 sinaturas en change.org piden un espazo municipal como parque para bicicletas BMX, monopatíns e patíns.
• O goberno español só acolleu a 2.000 das 17.000 refuxiadas comprometidas en 2015 por Mariano Rajoy.

    Ourense en Común retoma o próximo venres dúas mocións que xa presentaran para o anterior pleno de outubro, e que finalmente foran retiradas da orde do día ao abandonar as concelleiras a sesión plenaria polas reiteradas interrupcións do alcalde nas quendas de palabra do grupo.

    Na primeira delas, defenderán a petición iniciada na plataforma change.org solicitando ao Concello de Ourense un “skate&bike park de calidade”, e buscarán o consenso para “atender esta demanda, e dotar á cidade dun espazo axeitado para iniciarse ou practicar estas disciplinas que en 2020 serán olímpicas”.

    Na petición propóñense diferentes espazos sen uso como o sito baixo a Ponte Novísima ou o Acceso Centro da A-52, no inicio do Paseo das Ninfas, aínda que o grupo deixa aberta aos servizos municipais a elección do espazo, facendo fincapé en “que estea debidamente executado para garantir a seguridade dos usuarios e supoña baixos custos de mantemento”, estimando que a inversión neste tipo de infraestruturas -entre os 60.000€ e os 100.000€-, “non é elevada e é asumible polo Concello de Ourense” .

    Na outra moción que o grupo retoma, pedirán que o Concello se adhira á rede de Cidades Acolledoras de Refuxiados, e que “desde o localse inste ao goberno de España a cumprir co compromiso de acollemento de 17.337 persoas que fuxen das guerras, a explotación e a fame, que “co prazo vencido a finais de setembro, incumpriuse nun 87%, -chegaron só 2.190 persoas-”.

    Como avanzaban esta semana, Ourense en Común tamén levará a este pleno unha petición para eliminar o “sinsentido” da lista de agarda das axudas escolares, de forma que  “todas as familias que reúnen os requisitos poidan percibir a axuda”, e para frear a situación de “grave incertidume que se está xenerando para o correcto desenvolvemento do curso escolar de 200 nenos e nenas de Ourense, en risco de exclusión social eignorados polo goberno de Jesús Vázquez e a ineptitude de Sofía Godoy como responsable das áreas sociais”.