Recuperamos as cinco enmendas para un IBI máis progresivo retiradas polo PP
9 Novembro, 2017
0
• A inclusión das propostas non retrasaría a aprobación da ordenanza, por estar xa todas informadas positivamente polos servizos técnicos municipais.
• As bonificacións propostas transformarían a ordenanza liberal artellada polas dereitas no Concello (PP e DO) para que o IBI beneficie de forma xusta e equitativa á maioría das veciñas.
• O grupo insiste na necesidade de que este imposto fomente a actividade económica, o uso de enerxías renovables, e de que prime nas bonificacións ás familias máis vulnerables.

    Ourense en Común recuperaba e rexistraba esta mañá cinco emendas á ordenanza municipal do IBI nun intento de transformar o “pacto suicida que sobre este imposto acordaron “as dereitas de Ourense”, explican desde o grupo, en referencia ao acordo do Partido Popular e Democracia Ourensana para acometer unha rebaixa lineal do imposto, quesó beneficiará a unha minoría e deixará tremendo a contabilidade municipal e a capacidade inversora do Concello”.

    Por estar xa informadas polos técnicos municipais, a inclusión das emendas presentadas “non retrasaría a aprobación da ordenanza para a súa entrada en vigor no 2018”. Martiño Xosé Vázquez, voceiro do grupo, aclara que “é simplemente cuestión de vontade, de facer un IBI xusto e equitativo, e de dar sentido ao traballo avanzado durante meses na comisión da reforma fiscal”, e pide ao equipo de goberno “responsabilidade co financiamento municipal” e coherencia” cos acordos acadados na comisión, lembrando que estas mesmas emendas “foran xa aceptadas polo PP e incorporadas á ordenanza, para despois seren “retiradas sen maior motivo que pactar con Democracia Ourensana”, e recorda que tal pacto chegou “só quince días despois de que a concelleira responsable de facenda declarase que a redución do 20% era inviable”.

    As dúas emendas de adición e as tres de substitución presentadas hoxe de novo, buscan promover “un modelo económico máis xusto e solidario”, aumentando o período de bonificación para vivendas de protección oficial, valorando por nivel de renda ás familias numerosas, mellorando as condicións do pago por domiciliación do imposto, fomentando a instalación de enerxías renovables e impulsando actividades económicas de interese local, “tal e como comprometeu recentemente o alcalde anunciando a iniciativa “Doing Business”, sen aclarar como se vai a desenvolver”.