Renuncia do grupo municipal de OUeC a privilexios no Concello

Os cargos electos de Ourense en Común renuncian a todos os seus privilexios no Concello e reducen o 25% os seus salarios.

As concelleiras electas do grupo municipal Ourense en Común renunciaron a privilexios como o espazo de aparcamento reservado na Praza Maior, as medallas de prata coas que se agasalla a cada membro da corporación ou ao denominado dossier de prensa que supón o fotocopiado diario de todos os xornais.

A asemblea aberta de Ourense en Común celebrada o pasado venres decidiu ademais limitar o salario das súas concelleiras para adaptalo ao salario medio da provincia de Ourense rebaixando este ata os 12.399€ brutos anuais. Unha redución de case de 4.500€ sobre o salario proposto pola alcaldía.

Estas medidas, xunto con outras como a publicación íntegra dos seus bens, a rendición de contas, a revogación dos seus cargos, etc. forman parte dun Código de boa gobernanza ao que os cargos electos de Ourense en Común deben someterse.