Reunión entre a Marea Galega e Ourense en Común
1 Agosto, 2015
0

Local de Ourense en Común
Data: 29-07-2015
Hora: 18:30
Asisten por Marea Galega: Alexandra Pacheco e Xaime Subiela
Asisten por Ourense en Común: Antía Pousa, Arcadio Nóvoa e Martiño Ramos

Despois das presentacións, comezan os representantes da Marea Galega explicando que están traballando nunha organización en rede con distintas persoas e colectivos para dar forma á plataforma. Está programado un encontro o día 22 de agosto en Santiago de Compostela que funcionaría como o punto de encontro primeiro para dar corpo cidadá ao movemento. Entenden que este encontro debería marcar un punto de inflexión no que respecta á organización do traballo e na posta en marcha das dinámicas internas que se vaian desenvolver dentro da Marea Galega.

O proceso enténdese como un encontro cidadán. Trátase, ao igual que ocorreu coas mareas, de recoller o impulso da veciñanza sen instrumentalizala. Nesta liña, o manifesto serviría para a apertura dun proceso deste tipo, pois fala de confluencia dende unha iniciativa cidadá. O proceso ten que xerarse dende a cidadanía antes de ser un espazo de confluencia de colectivos, pero tamén é importante darse conta da necesidade de que as iniciativas municipalistas e os distintos colectivos vinculados ao activismo social se identifiquen coa Marea Galega. Sen esa identificación o movemento non ten sentido. Así, unha das cousas que se pretende co encontro do día 22 de agosto en Santiago é a creación de mesas de traballo e debate nas que se analice o que xa se ten en común e o que se pode chegar a ter en común.

A Marea Galega nace coa pretensión de acadar a representación institucional no Congreso dos Deputados e entende que ese grupo parlamentario deberá ter unha vontade clara de traballar polo cambio e contribuír a unha renovación das institucións estatais.

Tras esta presentación, os representantes da Marea Galega trasladan a Ourense en Común as seguintes cuestións:

  1. Como vemos este proceso?
  2. Como vemos a posible vinculación de persoas de Ourense en Común e da propia organización a este proceso?
  3. E, debido á orientación cara o local que teñen as mareas, non soamente pola súa orixe senón tamén polo gran volume de traballo que se está a realizar nas institucións:

  4. Cómo se podería compatibilizar e ligar o traballo no eido local coa participación nunha plataforma que opere a nivel galego e que traballe en institucións estatais?

Dende Ourense en Común damos a benvida aos representantes da Marea Galega á cidade e ao novo local de OUenC. Comunicamos que a asemblea non debateu a cuestión da confluencia ou apoio a unha plataforma como a Marea Galega, pero que o Grupo de Traballo de Apertura dará conta do manifesto e da reunión mantida hoxe. OUenC ten unha vocación municipalista se ben o partido se adscribiu ao ámbito provincial cando se deu de alta. Son moitas as dificultades para trasladar ao ámbito galego o traballo que se fixo en Ourense, pois os procedementos de toma de decisións sempre se fixeron de xeito presencial. Preguntámoslle se teñen algunha idea de como se podería traballar nun ámbito máis amplo como é o galego.

Os representantes da Marea Galega recoñecen que aínda non están creados os grupos de traballo que poidan operar autonomamente, pero que a complexidade que pode marcar a distancia xeográfica se pode suplir hoxe en día con ferramentas para traballar a través de internet que permiten xestionar organigramas de traballo en rede. A día de hoxe falta ese organigrama. A este respecto, o encontro do día 22 de agosto sería o momento de poñer en marcha grupos de traballo e deseñar un primeiro organigrama para comezar a traballar. Polo de agora, hai un grupo de Google que serve como ferramenta provisional para traballar, debater, etc.

Comentan que queren fixarse un obxectivo de 5000 sinaturas en apoio ao manifesto presentado. Para iso, precisan que se difunda activamente o manifesto, tanto a través de internet como na rúa.

Dende Ourense en Común intervimos chamando a atención sobre o curto dos prazos cos que se está traballando e que se bota en falta un plan de comunicación para darlle continuidade ao impacto inicial que tivo o manifesto.

Dende a Marea Galega comentan que falta contido para comunicar e que urxe crear un equipo de comunicación autónomo.

Continúan trasladándonos a idea de que o importante é a confluencia dende a cidadanía e a creación dunha dinámica cidadá como na que nós participamos. Hoxe en día isto xa non é unha hipótese, senón que hai mareas que accederon a alcaldías. É importante crear un espazo que supere a lóxica clásica dos partidos e por iso é fundamental crear un grupo que recolla unha lóxica nova así como a esencia cidadá do manifesto e que ao mesmo tempo recolla a experiencia das mareas.

O Grupo de Apertura de Ourense en Común comprométese a trasladar á asemblea o que comunican dende a Marea Galega. Alertamos da necesidade de artellar unha metodoloxía e poñer en marcha procedementos fortes que permitan manter a esencia cidadá da plataforma.

Marea Galega entende que as distintas mareas deben estar integradas, dun xeito non formal, na constitución mesma da plataforma, se ben a integración a nivel formal se debería facer cando se abra a confluencia a tódolos partidos políticos. A Marea Galega precisa aos elementos significativos das mareas para comezar a traballar. Nesta liña, fan un chamamento directo ás persoas que integran Ourense en Común para que participen na Marea Galega e asistan ao encontro do día 22 de agosto en Santiago. Tamén trasladan ao Grupo de Apertura a necesidade de ter un nexo directo entre Ourense en Común en a Marea Galega a través de unha ou varias persoas de xeito que se poida crear un vínculo estable e operativo entre ambas plataformas.

Remata a reunión e o Grupo de Apertura de OUenC reitera o seu compromiso de trasladar o contido da reunión á asemblea.