Reunión cos Delegados Sindicais da Policía Local de Ourense (01/09/2015)
2 Setembro, 2015
0

1 de setembro de 2015 ás 17h.
LUGAR: Local de Ourense en Común (As Burgas)
ASISTEN: integrantes dos grupo de traballo Institucional de Ourense en Común, representantes sindicais.

RELATORIO:

Nesta terceira reunión comezamos falando sobre mobilidade e a proposta de Ourense en Común aprobada en pleno para implementar a Mesa de Mobilidade. No pleno ordinario deste venres rogaremos a convocatoria urxente na que a Policía Local debe estar presente. Ponse en coñecemento a moción presentada no pleno do 30/07/2015: Andar a cidade pensando na infancia.

Seguimos avanzando e abordamos a necesidade ou non de redactar un Regulamento específico de organización e funcionamento do Corpo de Policía Local do Concello de Ourense. Preséntase unha proposta de borrador e os representantes sindicais afirman que é o único modo de xestionar de modo eficiente este servizo. Cando existe unhas normas de xogo impera o xogo limpo en base as regras.

A moción que vai presentar no Pleno o grupo municipal Democracia Ourensana para implementar este regulamento, baseándose nesa proposta de borrador, pode ser beneficiosa neste senso. No referido ao marco temporal semella un tanto limitado pero se existe vontade política de todos os grupos pode ser factible. É necesario lembrar que estamos nun goberno en minoría e a aprobación dun documento estratéxico no contexto actual permitiría que a súa permanencia no tempo estivera garantida.

A redacción do Regulamento non exime do seu incumprimento, caso do Regulamento de Participación Cidadá ou tantos outros. Así é que entendemos necesario a proposta pero tamén a aplicación.

No referido á proposta dos membros da Mesa de Negociación que terán a encomenda de redacción, esta debe ser o máis multivocal e plural posible: presenza da Xefatura do Corpo, os diferentes sindicatos da Policía Local e os diferentes grupos municipais. Incluso con calquera outra presenza social sempre que sexa posible en aras da participación, pero garantindo a operatividade do proceso.

Complementariamente a esta actuación é necesario repensar a RPT e redactar un organigrama lóxico para o Concello de Ourense. Trátase dunha actuación realmente prioritaria, para a que se debe ter en conta quen serán as persoas responsables de desenvolvela e se teñen capacidade para tal.

Outros temas en conversa:

  • Novamente faise un chamamento da deficitaria situación da Policía Local para afrontar a cantidade inxente de peticións e servizos: medición de ruídos, tráfico, terrazas…
  • Xestión e necesario seguimento de autos, sancións, etc.
  • Necesidade de formación permanente e actualización do persoal: medicións, instrumental…
  • Nova concesión ORA e grúa municipal. Expira o contrato o próximo mes de Abril de 2016.
  • Memoria anual e informe de actividades da Policía Local.
  • Medios infrautilizados e outros deficientes (parque móbil, equipos de protección individual…)

Agradecendo ambas partes a disposición mostrada e emprazándonos para futuras encomendas, nomeadamente mesa mobilidade e tramitación peticións específicas, levántase o encontro.