Reunión Ourense en Común con Democracia Ourensana
1 Xuño, 2015
0

Hoxe luns 1 de xuño de 2015 ás 19 horas, mantivemos unha xuntanza con Democracia Ourensana, en Magma Espacio. Por Democracia Ourensana asistiron: Miguel Caride, Gonzalo Pérez Jácome e Eloy Mojón; e por Ourense en Común: Martiño Ramos, Martiño Xosé e Trinidad Domínguez.

photo_2015-06-01_22-33-32

Acta da xuntanza:

Comezamos transmitindo os parabéns mútuos polos resultados electorais. OUeC agradece o recoñecemento de Gonzalo Pérez Jácome no seu discurso na noite electoral polo resultado que acadou Ourense en común.

Comeza a intervención Miguel Caride expoñendo que a aposta de goberno que fai DO é a de crear unha alternativa á maioría simple do PP conformando un pacto de gobernanza municipal no que estarían DO, PSOE e OUeC. Xustifícao dende un punto de vista legal e político. A primeira susténtase en que a lei 27/2013 supón un retroceso democrático ao reducir as competencias do pleno e aumentar as da Xunta de Goberno e Alcaldía polo que resulta imprescindible para DO acadar esta última para garantir a aplicación do seu programa electoral así como dos acordos que propón para o pacto de gobernanza. Exemplifícao no sistema de aprobación de orzamentos ou do PXOM.

Dende o punto de vista político para DO a maioría conformada por PSOE, OUeC e DO sería suficiente para lexitimar un goberno municipal alternativo ao do Partido Popular. Ese pacto de goberno tería como máximas a transparencia total, a redución do gasto e control da xestión econónica e financeira, orzamentos participativos, auditoría da contratación e remunicipalización de servizos, priorización de necesidades nos servizos sociais e vivenda, e PXOM. Nesta proposta a alcaldía recaería na forza política representada por máis concelleiros, a tenencia primeira na segunda forza e a tenencia segunda na terceira con maior representación cunha participación proporcional e por competencias no goberno municipal e todo baseado nun pacto común de gobernanza.

Por parte de Ourense en común Martiño Xosé Vázquez agradece o ofrecemento de Democracia Ourensana e trasládalles a postura do proceso municipalista de non conformar pactos de goberno con outras forzas políticas tal e como se recolle no punto 6.2 do Código de Boa Gobernanza aprobado en asemblea en datas anteriores á celebración das eleccións municipais. Neste código, prosigue Martiño, indícase que non se entrará a formar parte dun goberno que non encabece Ourense en común e que quedará en mans da asemblea a decisión de dar soporte a outra candidatura para que forme goberno.

A reunión continúa poñendo en común aqueles aspectos programáticos das dúas forzas nos que non hai concordancia: Ourense en común aposta pola progresividade fiscal fronte á reducción lineal do 20% que propón Democracia Ourensana, o sentido da Transparencia máis radical e definido tal e como aparece recollido no programa participativo de OUeC ao igual que acontece co sistema de contratación público no que entrarían  en xogo criterios de sustentabilidade ou o respecto aos dereitos laborais.

Miguel Caride intervén para indicar que a proposta constitúe de momento apenas un programa de mínimos e que pola súa banda abriríase un proceso negociador no que se tentarían atopar os puntos en común.

Por parte de OUeC reitérase o posicionamento de non acadar pactos de gobernos con outras forzas políticas polo que calqiuera outra vía de diálogo ficaría aberta agás a que está a plantexar Democracia Ourensana. Nembargantes OUeC, en cumprimento do seu principio de transparencia, daría conta da proposta de Gobernanza conxunta á asemblea en común que se realizará na segunda semana de xuño.

Por parte de Democracia Ourensana resáltase a importancia da presencia de Ourense en común nun pacto de goberno municipal de progreso para o Concello de Ourense pola concordancia que atopan coas liñas programáticas e os métodos que está a utilizar e traslada novamente a vontade de colaborar para aportar unha nova visión á política municipal local. Asimesmo queren facer pública a decepción pola nova maioría absoluta acadada polo Partido Popular na Deputación de Ourense, argumento que abonda na necesidade dun cambio político no concello e na provincia.

Rematamos a reunión deixando aberta a porta á comunicación no plano institucional e reiterando a nosa aposta pola transparencia como método e non só como principio comunicando que a acta da reunión se fará pública á maior brevidade posible.