Sodes parte da historia
15 Marzo, 2015
1

fb15861586 persoas participaron esta fin de semana nas Primarias Cidadás Abertas de Ourense en Común A elevada participación, con 1586 votos emitidos, ao longo das dúas xornadas electorais amosa o desexo da cidadanía ourensá de cambiar a política do concello. O resultado e a lista provisional de candidatas de Ourense en Común farase pública este luns 16. Ofrecerase un adianto dos resultados a cabeza de lista ás 23:59h. Ao remate do escrutinio, de madrugada, enviarase nova información cos resultados escrutados ao 100%.

Ourense en Común fai historia batindo o record de participación nunhas primarias para elixir unha candidatura ao goberno do Concello de Ourense. Unha lista que por primeira vez é escollida pola cidadanía. Con 677 votos na primeira xornada e 909 na segunda suman un total de 1584 votos recollidos nas dúas mesas electorais situadas no Ateneo e mais no Hotel Francisco II. Esta alta participación, que rachou con todas as espectativas, amosa o interese da poboación de participar activamente na vida política municipal co afán de mudar a actual situación de desgoberno. En cumprimento do Regulamento para unhas Primarias Cidadás Abertas darase a coñecer un avance do escrutinio do cabeza de lista ás 23:59h de hoxe domingo. Ao remate completo do escrutinio emitirase unha nova nota de prensa informando dos resultados totais. Agárdase que se produza de madrugada debido ao laborioso do proceso. Na mañá do luns 16 farase pública a lista provisional coa que o proceso de confluencia Ourense en Común concorrerá ás vindeiras eleccións municipais de maio de 2015. Ourense en Común quere agradecer a confianza depositada no proceso a tódalas persoas que se achegaron durante estas dúas xornadas para participar masivamente nas primeiras Primarias Cidadás Abertas que se celebran en Ourense e que agardamos non sexan as derradeiras. A valoración que facemos dende Ourense en Común non pode ser máis que positiva, esta concorrencia masiva reforza o desexo de seguir traballando de cara a construír unha cidade das persoas e para as persoas, un goberno que mande obedecendo ao pobo.

 

1 comment

  1. Vós sí que sodes parte da historia…

    Xa van dúas semanas dende as primarias e dende os resultados non houbo ningunha actualización nin nesta web, nin no blog, nin no voso twitter, nin no voso facebook.

    Pero polos medios de comunicación xa soubemos que entre 65 que vos reunístes no campus anulastes a decisión dos 1.586, recoñecendo incluso que o faciades sen xustificación regulamentaria, só porque “vos pareceu ilexítimo”. Será por iso que somos “parte da historia”, porque o que votamos nas primarias pasou a historia e porque a tomadura de pelo foi histórica.

    Tamén polos medios de comunicación (falabades de transparencia, e de actas públicas?) soubemos que fixestes xa non sei cantas reunións (ningunha nova acta nin noticia nesta web) e que ó final, despóis do paripé das primarias, ides facer unha lista de xeito pechado entre vós… que é o que fan tódolos partidos (falabades de democracia directa, de primarias abertas?).

    O proxecto está morto, “suicidástelo” vós a semana pasada anulando as primarias, e por máis reunións e asembleas que montedes xa non podedes reanima-lo cadáver. Hai unha cousa fundamental, que é a CREDIBILIDADE, e vós tirástela polo desaugue, tomando unha decisión de malos perdedores, en quente, e sen pensar nas consecuencias.

    Porque con qué cara poderedes agora facer campaña, con iso de “a cidade entre todos” (“sí, pero algúns máis ca outros”), de “tí decides” (“sempre que decidas o que nós queremos”) e demais? Ónde queda a democracia participativa que levades tantos meses predicando, se á hora da verdade un pequeno grupo dos que están no allo fai o que lle peta e pasa por enriba do que votan os cidadáns, cando non lle convén? Iso non é a política de sempre?

    Despois disto, qué diferencia hai entre Ourense en Común e as vellas oligarquías dos vellos partidos? eu vexo unha, e non boa: nos vellos partidos polo menos non nos venden a burra de que os cidadáns de a pé imos participar e decidir, para despois facer o que eles queiran.

    Así que o mellor que podedes facer é ter un pouco de vergonza e desmontar todo o tinglado. Eu cheguei a ilusionarme de verdade co proxecto, apoiara o voso manifesto e xa tiña pensado dárvo-lo meu voto… por iso a decepción e o desengano son maiores.

    Abur.

Os comentarios estan pechados