Sofía Godoy ignora unha vintena de propostas na programación do 25N
21 Novembro, 2017
0
• O Concello usa un lema que “silencia as situacións e consecuencias da gravidade das violencias machistas”.
• Entidades feministas foron convocadas para achegar ideas no Consello Municipal de Igualdade que agora non se reflicten no programa.
• A programación é totalmente low-cost, desbotando eventos xa consolidados nesta data como o Festival Voces Femininas.

    Ourense en Común manifestaba esta mañá o seu descontento” coa programación presentada esta mañá polo Concello de Ourense ao redor da conmemoración do 25N, Día contra as violencias machistas.

    A edil do grupo, Ledicia Piñeiro, criticou a demora na presentación da programación, a opacidade coa que en sucesivas xuntas de área a concelleira responsable, Sofía Godoy, “leva agochando o programa, e o caso omiso” da edil popular ás “máis de vinte propostas achegadas por entidades de mulleres no Consello Municipal de Igualdade tras seren requiridas a corresponsabilizarse axudando na programación para esta data, “e agora as súas iniciativas non aparecen recollidas”.

    O lema elixido #NonseveperoÉ  é outro dos motivos de crítica de Ourense en Común, entendendo que “non é o máis educativo nin concreto sobre a problemática. Ledicia Piñeiro valora que invisibilizar e dicir que a violencia machista está agochada ou é sutil, minoriza unha cuestión grave,  pública e notoria. A concelleira de Ourense en Común aclara que  o problema non é invisible, é de quen quere invisibilizalo ou non o quere ver”.

    O grupo considera que o equipo de goberno “non está a dar a este día a importancia que require”, por presentar unha “programación low-cost, sen investimento, que deixa ás claras as prioridades do PP.

    Ledicia Piñeiro considera necesarias e urxentes “iniciativas máis dignas e ambiciosas contra esta lacra, con “campañas de continuidade durante todo o ano para erradicar as violencias contra as mulleres, que si se ven, que son, que están e existen, e que non son tarefa dun só día nin dunha foto.