Suxerimos un primeiro paso cara a recuperación ambiental do Barbaña
10 Xullo, 2018
0
•    Ourense en Común propón ao edil de Medio Ambiente unha colaboración coa Universidade que permitiría ter en setembro unha avaliación do estado do río.
•    O goberno segue tendo pendente o cumprimento da moción de OUeC aprobada en novembro de 2016, por “un compromiso para a protección e recuperación do Barbaña”.
•    Os continuos desleixos administrativos e as desfeitas empresariais promoven “un dano irrecuperable para a cidade que precisa ser detido canto antes”.

    Ourense en Común suxería esta mañá ao edil popular José Araujo, responsable da Área de Medio Ambiente, unha colaboración cun equipo da Universidade para elaborar un estudo en oito puntos do Río Barbaña, co fin de “actualizar o coñecemento sobre o estado ecolóxico do río, e para comezar a traballar nas medidas que sexan necesarias para a restauración fluvial e a mellora do estado ambiental do río”.

    A proposición, orzamentada en 4.000 euros, serviría para dar o primeiro paso” e “contar xa en setembro cun coñecemento actualizado do estado ecolóxico, biolóxico, hidromorfolóxico e químico do río”, explica a edil de Ourense en Común, Montserrat Valencia.

    O grupo quere con esta iniciativa “avanzar, que xa toca, na reparación e protección do Barbaña”, e lémbralle ao goberno a moción aprobada en novembro de 2016 cara a un compromiso co río, “o PP tamén votou a favor daquela moción, xa toca comezar a cumprir e comprometerse co Barbaña como merece”.

    Que un río atravese un concello “é un potencial punto de oportunidades ambientais e sociais”, e se ben as competencias sobre o dominio público hidráulico son da Confederación Hidrográfica, “o Concello de Ourense tamén é responsable da súa defensa, e pode levar a cabo accións tendentes a axilizar medidas de prevención, de evitación de danos e de recuperación do río, tal e como propuxemos hoxe ao goberno”.