The Tetas Van: proposta de OUeC ao Premio Clara Campoamor
17 Febreiro, 2018
1
• A banda ourensá, composta maioritariamente por mulleres, é a proposta da Marcha Mundial das Mulleres e Ourense en Común para recibir o premio á igualdade de oportunidades.
• Letras e músicas creadas por mulleres conforman o repertorio de The Tetas Van, reivindicando o protagonismo das mulleres no panorama musical.
• A Concellería de Igualdade de Ourense entrega este recoñecemento desde o ano 2007.

    Convocada a XII edición do Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes,  Ourense en Común remitía esta semana ao Concello de Ourense, a proposta de outorgar o galardón á banda ourensá The Tetas Van, conformada maioritariamente por mulleres.

    Ourense en Común respalda así a proposta da marcha Mundial das Mulleres para o Premio, “dándolle maior peso á proposición e evitando desviar a atención en propostas diferentes“.

    Nos preto de 7 anos de existencia do grupo, The Tetas Van teñen percorridas as catro provincias galegas en máis dun cento de concertos, cunha proposta musical divertida e reivindicativa na que “a igualdade e a equidade son os seus eixos fundamentais, visibilizando, en primeira persoa do plural, ás mulleres no mundo”, apunta a concelleira Ledicia Piñeiro.

    A proposta cultural de The Tetas Van pon enriba da mesa o “necesario protagonismo das mulleres no escenario”. As súas músicas toman corpo a través de mulleres, a súa voz é feminina, as súas letras falan de mulleres e/ou da vida dende unha perspectiva feminina, cedendo a súa voz para cantar textos de mulleres, e os seus instrumentos para interpretar obras compostas por mulleres. “Son a voz das mulleres do pasado, altavoz das mulleres do presente, e exemplo para as mulleres do futuro”.

    Explica Ledicia Piñeiro que é “innegablea contribución de The Tetas Van por visibilizar ás mulleres nun ámbito tan masculinizado como é o musical”, aportando os seus sons e as súas melodías á “loita contra a minusvaloración da muller no mundo da música en particular, e da cultura en xeral”.

    No histórico do palmarés do Premio Clara Campoamor, atópanse colectivos e mulleres como o Centro de Orientación Familiar (2009), a Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas da provincia de Ourense (2010), a Marcha Mundial das Mulleres (2011), a ex-xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do goberno en Ourense, Purificación Álvarez Villamarín (2012), a secretaria xeral de CCOO en Ourense, Ana Barrios (2013), a Plataforma Galega polo dereito ao aborto (2014), a directora de Sarabela Teatro, Ánxeles Cuña (2015), ou os Equipos de Futbol-Sala Feminino “Ourense Envialia” e “Cidade das Burgas” (2016). O máis recente, de 2017, suscitou polémica por seren outorgado por vez primeira a un home, o fiscal Julián Pardinas, por imposición do voto da Concelleira do Partido Popular Sofía Godoy.

Deixa unha resposta

1 comment

  1. La música esta masculinizada pero apuesto a que Ledicia Piñeiro no toca ningun instrumento verdad? Esto es como poner de jurado a Jorge Javier ya que habiendo mujeres que lo hagan mejor se lo deis a un grupo de versiones malo ( en serio solo tocan tias?) Yo solo conozco música buena y música mala. Gracias.