Unha palestra achega hoxe a Ourense as facilidades para contratar luz verde e galega
23 Novembro, 2017
0
• Ourense en Común promove o acto en colaboración coa cooperativa Nosa Enerxía da que son socias, que comercializa só enerxía renovable.
• A ponencia será a partir das 19h00 no Espazo en Común das Burgas, con entrada aberta a calquera veciña interesada.

    Hoxe xoves, o Espazo en Común de Ourense acolle a partir das sete da tarde unha palestra baixo o título “Elixe enerxía verde galega”, na que se darán a coñecer as facilidades para contratar enerxía renovable e galega para o consumo diario dos fogares.

    O acto está promovido por Ourense en Común, “como socias da cooperativa galega Nosa Enerxía SCG”, e nel participarán, ademais do presidente desta pequena comercializadora, Pablo Álvarez, diferentes socias e usuarias que xa mudaron a súa factura “a este modelo máis verde e sustentable”, que achegarán de primeira man a súa experiencia particular, e o delegado da cooperativa na nosa cidade, Xosé Antón Dorrío, que resolverá calquera dúbida ou consulta que as participantes poidan ter e facilitará toda a información a quen desexe mudar a súa factura.

    Desde Ourense en Común, defenden como necesario” o cambio no modelo enerxético, que contribúa á “salvagarda do medio ambiente e aposte por enerxías limpas e baseadas na economía social, promovendo os valores e oportunidades da nosa terra”, e convidan á cidadanía de Ourense a achegarse a esta charla informativa, “as pequenas decisións en cada unha de nós son suficientes para comezar a transformar a realidade”.