Declaración de principios

A cidadanía de Ourense, como parte da cidadanía galega, ten unha longa historia de loita na defensa dos seus dereitos:  cívicos, sociais, de igualdade, culturais, lingüísticos e ambientais.  Recordamos o trunfo popular que impediu a instalación dunha celulosa, a  loita por un campus propio, a recuperación do topónimo OU  ou a  oposición ao espolio do noso Xardín do Posío.  
Así  mesmo, en maio de 2011 as ourensás e ourensáns ocuparon a Praza Maior  contra as mentiras e abusos dun estado decadente gobernado polos poderes  financeiros que provocan unha democracia deslexitimada. O 15M actuou como catalizador dunha situación de indignación colectiva empoderando á cidadanía politicamente  e enriquecendo o concepto de democracia. Serviu, tamén, para quitarlle a  máscara a aquilo que se nos estaba a vender como unha crise, e que non  era máis que o inicio dun proceso planeado de empobrecemento da poboación e maior enriquecemento das elites económicas.
Comezou  logo unha nova época na que o bipartidismo, alternándose no goberno por  máis de 30 anos, entrou en decadencia. Era a sociedade civil organizada  a que comezaba a marcar o paso na axenda política. Foi na rúa onde comezou a confluencia das distintas loitas, anteriores e posteriores ao 15M, que agora se materializa nun novo movemento municipalista que cuestiona tamén esa alternancia nos gobernos dos nosos concellos.  
O  traballo e o esforzo que se están a facer neste proceso de  transformación, non deben ser desaproveitados simplemente en ocupar  postos de poder dentro das administracións. Esta confluencia debe  permitir á cidadanía exercer o control das institucións, dende fora e en calquera intre e circunstancia, independentemente de quen ocupe o poder e a representación das mesmas.
Nace  así, OURENSE EN COMÚN, que está participado por persoas da cidade,  algunhas cunha traxectoria de traballo en diferentes movementos sociais e  políticos que loitan por acadar o cumprimento efectivo de dereitos tan  básicos como o dereito á vida e ao traballo digno, á sanidade pública, gratuíta e universal, ao ensino público, gratuíto e de calidade, o dereito á vivenda, ao uso normalizado do galego como a nosa lingua propia e a unha cultura de nós para o mundo, á transparencia nas administracións, ás auditorías cidadás das contas públicas, ás auditorías enerxéticas, á dispoñibilidade dunha renda básica. Ou que aposta por un sistema de finanzas éticas e por unha banca pública. Tamén por persoas que traballan para que os responsables do espolio dos recursos públicos e os corruptos respondan ante a xustiza.
                                   
Nacemos como unha plataforma de confluencia cidadá para trasladar ao ámbito institucional os valores de progreso, solidariedade, tolerancia, igualdade e apertura  que caracterizan á nosa cidadanía. Polo que nos comprometemos a crear  as ferramentas de participación cidadá efectiva necesarias para cumprir a  máxima de GOBERNAR OBEDECENDO. Ampliar os límites do noso sistema  democrático municipal para alén de votar cada catro anos.
Non  nos identificamos co modelo de cidade dominante dirixida por unha  minoría corrupta que goberna para enriquecerse e servir aos seus propios  intereses. Fronte a estes modelos baseados na corrupción, na  especulación inmobiliaria, no malgasto e na falta de transparencia das  contas públicas, fronte á privatización sistemática de servizos públicos  e o distanciamento e deshumanización das administracións é necesario mudar o xeito de facer política. Ourense en Común nace, por tanto, coa intención compartida de pór fin a esta situación, de xuntar esforzos e ilusións para construírmos unha cidade aberta e solidaria.  Unha cidade para todas. E será da achega de toda a cidadanía convocada a  participar no proceso que nacerá o programa para materializar estas  intencións e que estará baseado nos principios democráticos de goberno ético, de igualdade, xustiza social e sustentabilidade.

1 Xustiza social , garantir unha vida digna para todas as persoas.

A estafa á que nos veñen sometendo, mantenos nunha situación crítica  dende o ano 2007, e  atópase no marco histórico dunha política neoliberal , de enriquecemento dunha minoría a conta da cidadanía a que deixa no límite da pobreza.
A primeira acción municipal de Ourense en Común estará encamiñada, e porá o seu máximo esforzo, en arranxar as necesidades máis básicas para que as cidadás de Ourense podan levar unha vida digna, independentemente da súa situación económica.
Ourense en Común considera a vivenda un dereito fundamental e polo tanto é imprescindible e urxente facer políticas encamiñadas a por un parque social de vivendas en propiedade ou en aluguer suficiente para cubrir esta necesidade. Crearemos, por tanto, unha comisión especializada en  buscar solucións axeitas ás familias e individuos 
Así mesmo, consideramos  básico unha política de solidariedade encamiñada a garantir, mediante  exención de impostos e convenios, os subministros  básicos de auga  e electricidade.Tamén se estudarán todas as posibilidades, e se porá o  máximo esforzo  en garantir unha alimentación axeitada das familias.
Reclamamos  unha sanidade  pública, universal e gratuíta. Consideramos que a sanidade non é un produto de consumo, dende todas as posibilidades que ofreza a política municipal e os posibles acordos e colaboracións cos entes da sociedade civil organizada, será noso obxectivo frear os intereses  neoliberais de privatización diste servizo público e garantir iste  dereito básico. Estudarase a posibilidade de implementar algúns servizos.
 
Ourense  en Común considera primordial o  acceso a unha educación pública,  universal, gratuíta, laica, científica  de calidade e en lingua galega. Sen educación non hai  posibilidade  de crear unha sociedade  xusta e igualitaria. Dende o goberno municipal esixirase do goberno autonómico o exercicio da súa responsabilidade nesta  materia e a mudanza da súa política de inversións en centros privados en detrimento da calidade do ensino público. Debemos proporcionar tamén  suficientes prazas públicas de garderías. Fundamental é garantir os requirimentos en material escolar das familias sen recursos.
Entendemos  que a consolidación dunha vida digna pasa tamén por outro tipo de principios substanciais o ser humano, como a defensa do laicismo ou a  transmisión do  legado cultural e da memoria.

2 Igualdade de xenero.

Ourense   en Común fai da igualdade de xénero  un elemento central da súa identidade. A igualdade enténdese nun sentido amplo e é un dos eixos sobre o que organizamos as nosas propostas políticas. Témola moi presente tamén na forma en que nos comunicamos. A linguaxe axuda a construír a realidade que queremos.

3 Prosperidade , economía xusta e sustentable.

Dende  Ourense en Común cremos que se pode crear unha economía do ben común, ó  servizo das persoas, baseada na igualdade de xenero, na creatividade, na sustentabilidade  ambiental e na soberanía alimentar, retomando o abastecemento das  prazas, o aproveitamento de enerxías renovables, a protección do  comercio de proximidade fronte ás grandes superficies comerciais e a  progresividade fiscal.
Ourense é unha cidade galega  que só  pode acadar estes ou outros obxectivos no contexto dunha  ordenación e  estruturación territorial que teña como criterio básico  a  necesaria simbiose entre o medio rural e o urbano fronte as actuais  estratexias de hexemonía material e imaxinaria do “urbano”. Asemade é   imprescindíbel que Ourense se olle para si como o nó dunha rede que se   desenvolve nas sucesivas escalas comarcais, galegas,  euro rexionais,  europeas e planetarias e non como unha terminal cidade  “de  provincias””.
Consideramos  fundamental facer unha auditoría pública das contas do concello para  garantir a transparencia, evitando a corrupción , con máxima publicidade e  a apertura do sistema de funcionamento do concello, de tal xeito que a cidadanía poida constituírse nun observatorio municipal.Tamén nos permitiría determinar o custo de servizos a prestar dende o público ou o privado, e si fora preciso retomar a prestación pública que supoña  aforro, mantendo ou mellorando a calidade.Tamén remataremos coa política  de soldos irracionais e co endebedamento desproporcionado coas  entidades financeiras.

4 Democracia e participación cidadá.

A  democracia non pode consistir en votar cada 4 anos e esperar a que os  que din representarnos decidan  en despachos a porta pechada moitas das  cousas fundamentais das nosas vidas.
Por  isto crearemos ferramentas axeitadas de participación cidadá nos  asuntos públicos, garantindo o acceso a toda a información do concello  do xeito máis sinxelo posible, cumprindo cos principios básicos de  publicidade e transparencia.
Os orzamentos participativos son ferramenta indispensable para exercer  unha democracia real. Tamén cremos con firmeza  que determinados  proxectos que supoñan inversións elevadas deberán ser consultados coa  cidadanía.
Apoiaremos  toda iniciativa cidadá encamiñada a auto-organización e mellora do tecido social e cultural da cidade de tal xeito que a sociedade se sinta  suficientemente organizada e empoderada, independentemente de quen se tope  gobernando, permitindo así o control da administración do concello.

5 Compromiso ético.

Ourense  en común nace co compromiso ético de estar en permanente contacto coa  cidadanía, de tal xeito que esta se sinta activa e protagonista da  política municipal. Polo tanto estableceremos un compromiso ético  vinculante que garanta o mantemento dos seus principios.
Ourense  en común tamén se compromete a que os seus cargos electos non poidan  exercer os mesmos máis de dous mandatos e cobrarán un soldo acorde co  traballo e responsabilidade  exercidos, sempre axustado aos principios  de  aforro, servizo público e  solidariedade cos e coas que menos teñen. Os  seus ingresos e patrimonio  publicaranse de xeito periódico evitando a  acumulación de  responsabilidades.
Os  cargos electos de Ourense en Común estarán obrigados a someter a súa  actuación ao  principio de transparencia, e facilitarán a participación  cidadá na súa  toma de decisións, así como a dar conta periódica ante a  cidadanía do  seu exercicio público.
Ourense en común dotarase dos  mecanismos  precisos para facilitar a revogación inmediata dos cargos  electos que  incumpran todos estes compromisos coa cidadanía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>