Preguntas frecuentes

Que é Ourense en común?
É un proceso cidadán para a construción dun espazo de confluencia  que vaia máis alá de siglas e nomes propios, dende a diferenza pero con  xenerosidade. Unha iniciativa baseada no protagonismo das persoas da  cidade, non unha fronte de organizacións. A procura dun novo xeito de  organizar a vida en común en Ourense, honesto e transparente, construído  pola cidadanía, ao servizo da cidadanía e baixo o control da cidadanía.  O comezo dun ciclo de Democracia Participativa sen  peaxes e con capacidade para ilusionar a maioría social. O manifesto  é a nosa chamada. Non temos todas as solucións para os problemas da  cidade. Pero cremos firmemente que se traballamos xuntas poderemos  resolvelos.

É abondo con chegar ao Concello para cambiar a cidade?
Chegar ao Concello significa recuperar as ferramentas  necesarias para combater a desigualdade e construír unha cidade e un  país distintos. Pero non é abondo. Tamén temos facer que cada praza,  cada rúa, cada barrio, sexa protagonista do cambio democrático que vén. E  non partimos de cero. Ourense en común quere percorrer o camiño trazado  dende hai anos polos colectivos e movementos da cidade que traballan a  prol dun Ourense máis digno, habitable e igualitario.

Como se valida o manifesto?
A cidadanía é o seu suxeito político. A  demanda dun espazo de confluencia na cidade de cara ás eleccións  municipais é maioritaria, pero necesitamos dicilo ben alto, enviar un  sinal diáfano e contundente. Propoñémonos reunir 1.500 sinaturas de aquí  ao vindeiro 11 de novembro.

E unha vez acadadas as 1.500 sinaturas?
No outono celebraremos o primeiro encontro Ourense, ben Común, un foro social que dea comezo a un proceso de encontros polo común, por barrios e por sectores que serán o verdadeiro motor do movemento. Será o momento de intercambiar ideas, sumar forzas,  desenvolver colectivamente un novo modelo de cidade e acordar un método que nos permita poñer de novo as institucións ao servizo da cidadania.

E como se organiza Ourense en Común?
Ourense en común organízase en base a tres piares fundamentais: máxima transparencia, participación e
horizontalidade. Piares que asentan a seguinte estrutura:
Grupos de traballo: Unidades técnicas para acompañar e enriquecer o traballo dos encontros polo común sectoriais e de barrio. Abertos pero configurados segundo criterios de operatividade (perfís, número de membros, metodoloxías, etc.), pluralidade e independencia das organizacións. De adhesión individual e con cargos rotatorios.
Rede: Asemblea de encontros polo común (sectoriais e de barrio) e grupos de traballo. Soberana e de
adhesión individual. Ninguén representa a ninguén, nin un EPC nin un grupo de traballo. Todos os membros
dos grupos de traballo e dúas persoas de cada EPC.
Asemblea cidadá: Encontro público e aberto á cidadanía que validará cada unha das fases do
proceso, reflexionará sobre os pasos dados e avaliará o grao de cumprimento de obxectivos. A asemblea
servirá ademais para dar a coñecer os novos retos de cara á seguinte fase abríndoa á participación e
incorporación de todas as persoas interesadas.

Como podo participar en Ourense en común?
Podes difundir o manifesto e recoller sinaturas para que esas 1.500  que nos propuxemos acadar en novembro queden pequenas. E podes, sobre  todo, participar nos encontros polo común, o pulmón do  proceso. E se pensas, ademais, que podes axudar a preparar e acompañar  eses encontros e reforzar os grupos de traballo, enche este formulario. Tamén podes seguir a actividade a través das contas en twitter e facebook ou contactar directamente co grupo de traballo de apertura en ola(at)ourenseencomun.info

5 Comments

  1. Onde e cando se producen os “encontros en común”? Desculpade, pero non o atopo por ningures.
    E outra boa: que facemos os que non temos facebook? Como nos enteramos de todo? Non creo que sexa o único ourensán que poda estar interesado e non ten facebook. Como tedes pensado chegar a eles?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>