confluencia
Xuntanza Ourense en Común e Podemos Galiza
24 Agosto, 2015
2
Lugar: Local das Burgas, Ourense
Data e hora: 21 de agosto de 2015, ás 10:00 horas

Acta:

Comezamos OUeC comentando que levantamos acta, como facemos sempre que nos reunimos.

Podemos comenta que a súa iniciativa inicial era comezar a xuntarse coas mareas, e logo por distintos motivos, comezaron reunirse tamén con organizacións políticas. Un dos motivos desta rolda de conversas é rachar a liña de tensións e enfrontamentos que se vende dende os medios de comunicación, de forma interesada, así como ampliar as canles de comunicación con Podemos Galiza. Nesta fase xa mantiveron reunións con ANOVA, EU, EQUO, CxG e está pendente unha con Espazo Ecosocialista. Manifestan que atoparon numerosas coincidencias na análise da situación sociopolítica.

Ao seu entender consideran que se darán dúas candidaturas, unha que aglutine ao BNG e outras organizacións e outra candidatura relacionada coas mareas.

En Podemos teñen unha proposta social e política asentada en 3 patas: unha pata orgánica (con coincidencia política), unha pata das mareas – candidaturas municipalista, unha pata cidadá (cren que sería bo ter un vector que canalizara esta participación, e haberá que agardar o que aconteza o sábado día 22 de agosto). E que, dalgún xeito, non hipoteque o que poida pasar en 2016 e se podería ir incluso un pouco máis alá nesta proposta.

Por pechar a súa intervención inicial, comentan sobre as súas primarias que as persoas candidatas teñen perfectamente claro que a aposta fundamental é a confluencia e que teñen perfís de implicación política en procesos de confluencia e con certa experiencia en diferentes movementos sociais do país.

Pola parte de OueC manifestamos que non existe definida unha postura ao respecto de vindeiras convocatorias electorais, porque non houbo asemblea para falar e decidir nada. Tomaremos nota o máis exactamente posible sobre a proposta de Podemos Galiza para trasladar á asemblea.

Agradecemos a Podemos Galiza a convocatoria a esta reunión e persoalmente ás persoas que se desprazaron ate Ourense. Manifestamos asimesmo que hai persoas a título individual que non son alleas aos procesos e que todos opinamos sobre o tema.

Remarcamos que si que en OUeC existen uns principios fundamentais: participación, transparencia, confluencia, etc… Facemos un repaso sobre o que foi Ourense en Común, pasando polas primarias e a retirada de apoio de Podemos, aínda que seguiron facendo moito traballo dentro do proceso de OUeC e finalmente houbo un apoio explícito que recoñecemos como un acto de xenerosidade e confianza pola súa parte.

Con respecto ao que está por vir, hai persoas de OUeC que están a participar no encontro cidadán por unha marea galega, e coidamos que hai sintonía cos procesos municipalistas. Fundamentalmente hai unha eiva en participación de forma presencial, e está claro que iso será claramente diferente. Fala de que existe certo escepticismo sobre a escalabilidade dos procesos.

Lembramos que dende a primeira reunión de confluencia houbo xente de Podemos Ourense traballando e participando activamente en Ourense en Común. Comenta que OUeC foi tamén convidado a participar no proceso de hoxe pola tarde de Podemos Ourense de elaboración do programa electoral.

Comentamos, dende o punto de vista persoal, que se nalgún momento se dá un apoio de OUeC a algunha candidatura será se se percibe que hai participación cidadá moi clara. Que todas as organizacións teñan claro que non se lle poden impoñer criterios a todas as súas afiliadas para controlar as decisións que se tomen.

Apuntamos, tal e como se comentou na reunión con Alberto Garzón, que coidamos que non se pode caer en falar de participación de forma masiva porque pode crear sensación de frustración ao non ser posible logo implementar esa participación.

Preguntamos específicamente, para poder dar traslado á asemblea, que é o que se espera de OUeC.

Podemos Galiza informa de varias cuestións: 1.- Que non houbo un 10% de apoio das inscritas en Ourense e non se poido dar apoio como tal, en primeiro momento. Logo sucederon outras cuestións, como que a lista non se configurou con primarias; 2.- Que hai varias limitacións, espaciais e temporais, para estas eleccións xerais. O espazo xeográfico galego é moi amplo, e temporalmente tamén temos limitacións; 3.- Sobre que se lle pide a OUeC: estritamente non se lle pide nada, pero básicamente é que acepten o seu mandato municipalista e que non se xeren conflictos internos pola candidatura ás eleccións xerais.

Podemos Galiza apunta que están tentando ter unha candidatura ampla na que tamén se sintan cómodas as candidaturas municipalistas. Tamén din que lles preocupa o marco temporal, porque cren que estaría ben ter unha serie de eventos nos que a xente que queira participar, o faga. Evidentemente que non vai poder ser que haxa unha participación como nas municipais, e non se quere vender motos de cousas que non son, pero si que haberá eventos participativos nos que OUeC podería botar unha man ou ser facilitador. Pero aínda é cedo e preocúpalles que non haxa decisións tomadas con antelación.

Do mesmo xeito consideran que un dos problemas que detectan é que non se pode trazar unha folla de ruta como tal, porque non hai tempo e a cada instante o escenario cambia. Saben perfectamente o que queren e o que non, pero a forma na que se vai plasmar é máis incerta. Así que o que queren saber é no lugar no que OUeC se sentiría cómodo na proposta de Podemos Galiza.

Pola banda de OUeC trasládase que consideran que habería que ter varios documentos fundamentais que están por elaborar: código ético do grupo parlamentar; regulamento de primarias o máis abertas posibles; programa electoral (que a nivel participativo é moi complicado); modelo de finanzamento como aposta política: microdoazóns e microfinanzamento. E como dotar a esa estructura dun censo concreto e soberano na toma de decisións.

Podemos Galiza traslada que teñen moito traballo feito a nivel partipativo na elaboración de programa, e que é importante para elas porque teñen unha preocupación real pola participación.

OUeC consulta cuestións relacionadas cun grupo parlamentar propio e o nome e logo nas papeletas.

En relación ao grupo parlamentar galego no congreso, Podemos vai poñer todo da súa parte para que este sexa posible e proporán que, de darse un acordo, sexa recollido neste senso. Consideran que tecnicamente depende dunha decisión administrativa/política da mesa do Congreso das Deputadas. Incluso, se políticamente a mesa do Congreso é contraria a isto tomaríanse as medidas necesarias para que aínda que non sexa formalmente, exista. Respecto a isto, tamén di que canto máis grande sexa o resultado que unha candidatura única obteña mellor e máis fácil será logo constituilo como tal. Apuntan asimesmo que en caso de que non sexa posible porque a mesa do Congreso non o permita, poderíase explorar claramente formar un subgrupo parlamentario.

Con respecto ás fórmulas legais Podemos Galiza lembra que en ocasións avánzase máis alá do que marca a lexislación e pon como exemplo que moitas mareas sexan “partidos instrumentais” porque non había encaixes doutro xeito. E que se seguirá avanzando nesta liña para que todos os encaixes sexan posibles. Asimesmo, sinalan que poida que tamén se estea a dar un debate que non ten precedente, porque habería que analizar cantas veces houbo grupo parlamentar galego no Congreso das Deputadas.

Podemos Galiza considera que o fundalmental é que se conforme un espazo galego de confluencia, comunicar e facer campaña co nome que se acorde. Outra cousa é que coidan que debería estar federado por pragmatismo político comunicativo, e en consonancia co acordado no seu encontro de Vista Alegre, polo tanto precisarían que o nome da papeleta levase a marca Podemos. Eso sí, insisten en que non é para facer campaña comunicativa.

Rematamos a reunión botando a vista atrás un par de anos, para ver que realmente nos atopamos nun momento moito máis favorable de cara a unha confluencia. Existe a posibilidade real de que se dea unha candidatura conxunta, con participación cidadá, con candidatas procedentes previsiblemente de movementos sociais, con opcións de sacar 4-6-8 parlamentarias, etc… Hai moito traballo por diante pero mirámolo con optimismo.

Rematamos ás 11:30 horas.

2 comments

  1. Maria olga muller cid

    Desde Suiza, siendo de Ourense, quiero participat y votar por Miguel Angel Doval Garza

  2. Desde Suiza voto por miguel angel doval garza

Os comentarios estan pechados