Xutanza con STOP desafiuzamentos
7 Xullo, 2015
0

Reunión Ourense en común – STOP Desafiuzamentos Ourense
Luns 6 de xullo – 20:30h
Acuden por parte de STOP Desafiuzamentos Mertxe Manzanares, Cristina Lorenzo e Roberto Pereira e por parte de Ourense en común Montse Malvar e Martiño Ramos

Acta da xuntanza

OUeC dá a coñecer cal é o mecanismo de funcionamento do grupo de traballo de apertura así como dos protocolos de transparencia e seguimento ás reunións que se manteñen cos colectivos da cidade.

STOP Desafiuzamentos fai saber que é unha plataforma apartidaria e quere seguir mantendo esa independencia que garanta o seu bo funcionamento. Así mesmo entende que OUeC, ao ter representación municipal, é unha das canles a través da cal facer chegar as demandas do colectivo ao plano institucional.

Ourense en común comunica da súa disponibilidade a actuar como vehículo para trasladar esas demandas ao Concello a través do seu grupo municipal. A plataforma levará esta disponibilidade de Ourense en común ao debate no seu da súa asemblea.

STOP Desafiuzamentos realiza unha descrición da traxectoria da plataforma constituída no ano 2011 no noso concello. Xorde por iniciativa dun grupo de persoas que detectaban que había a necesidade de articular unha resposta ante os problemas de acceso á vivenda que estaban a detectar entre as veciñas. A plataforma funciona en precario dende o punto de vista da implicación de diferentes persoas ao longo destes catro anos pola dificultade de conxugar a vida persoal e a activista.

A plataforma atendeu neste tempo 80 casos diferentes relacionados coa cuestión da vivenda e fan fincapé na diversidade de cada un das situación e dificultades atopadas. Organízase asemblearmente en reunións quincenais e articúlase en cinco grupos de traballo:

  • Mediación: Este grupo fai o contacto inicial e o seguimento dos casos. A súa función aparece desenvolvida na descrición que figura ao final desta acta.
  • Acción: creouse coa intención de crear un grupo de elaboración de ideas que favorezan o traballo da plataforma. Impulsou a creación dun mercadiño solidario activo na actualidade.
  • Tesourería: encárgase de todos os aspectos financeiros.
  • Recollida de alimentos: realiza unha campaña de recollida de alimentos para as persoas afectadas.
  • Redes: atende os perfís da plataforma nas redes sociais.

Poñemos enriba da mesa ideas presentes no Programa Participativo de Ourense en común no eido da xustiza social.

STOP Desafiuzamentos considera que é necesaria unha maior implicación do Concello de Ourense que garanta a existencia de suministros básicos: luz, auga, alimentos e calefacción. Tamén unha maior atención e un seguimento integral das familias que se atopan en situación de exclusión social e especialmente en casos nos que exista violencia de xénero. Sinalan a precarización dos servizos sociais e os tempos excesivamente dilatados de atención ás afectadas exemplificándoo no caso da axuda de emerxencia do concello que pode retrasarse ata 3 meses.

A necesidade de posta a disposición das persoas afectadas dunha bolsa de vivenda social por parte do concello que atenda ás necesidades específicas de cada un dos casos e sempre atendendo a criterios sustentables dende o punto de vista económico. Sinálase a importancia de que esa bolsa de vivenda evite a deslocalización das familias e a ruptura do arraigo ao barrio, concello e territorio.

En relación á Comisión Técnica Municipal de Seguimento de Desafiuzamentos descríbese que nace no ano 2013 por vocación da plataforma e co apoio unánime de todas as forzas políticas representadas no Concello de Ourense e que foi presentada no seo do pacto cívico por voz do BNG e tras a elaboración dun documento de 15 puntos que recolle as demandas de STOP Desafiuzamentos. A diagnose da plataforma é que esta comisión non tivo unha utilidade real pola falta de implicación da corporación socialista. A traxectoria desta comisión foi moi breve, o clima de traballo non era bo nin había dinámicas de escoita activa por parte das persoas que representaban ás distintas administracións. A ausencia de representantes da Xunta de Galicia e a alternancia das representantes do PP nas dúas reunións que obrigou a repetir debates ralentizando o seu funcionamento sumado á sensación que trasladan as persoas afectadas de sentirse maltratadas no ámbito desta comisión levaron á plataforma a replantexarse a utilidade desta e tomar a decisión finalmente de abandonar este espazo de traballo.

STOP Desafiuzamentos Ourense dá traslado a Ourense en común dun documento onde se recollen unha serie de propostas en materia de política municipal de vivenda. OUeC comprométese a estudalas e, no seu caso, tratalas en Pleno Municipal en forma de moción. Estas propostas foron elaboradas en coordinación coas Plataformas de Afectadas pola Hipoteca e STOP Desafiuzamentos de Galicia.

Complétase a xuntanza cunha descrición do importante proceso de seguimento dos diferentes casos que leva adiante o grupo de mediación de STOP desafiuzamentos. Así, o proceso comeza cun primeiro contacto coas persoas afectadas polo problema de vivenda, levando a cabo un labor de acompañamento e seguimento. Sinálase a importancia do labor de apoio mútuo que este GT desenvolve. Describen a importancia da implicación das propias persoas afectadas para garantir o éxito na resolución do seu caso particular. Así mesmo, sinálase que a implicación a nivel de traballo organizativo da plataforma favorece o empoderamento de cada unha destas persoas. No caso de asesoría legal sempre se recomenda a avogacía de oficio para estar asesorados. Cada unha das decisións e pasos que se dan adóptanse por parte da persoa afectada proporcionando a plataforma toda a información precisa para elo. O grupo de mediación desenvolve unha metodoloxía de asesoría colectiva poñendo en común a descrición dos casos no ámbito da asemblea.